A Xunta avanza un novo modelo de Contratos-Programa que aposta pola especialización centrada nos ámbitos da innovación e a inclusión educativa

O conselleiro de Educación explica que a finalidade principal desta iniciativa que arrancou no curso 2011-12 segue a ser a de avanzar cara a excelencia do sistema

Indica que para consolidar este “modelo de éxito” é necesario un novo enfoque, aliñando os seus contidos cos retos da educación do futuro e reforzar a autonomía dos centros á hora de deseñar propostas concretas

Nos dez anos de vixencia dos Contratos-Programa, a Administración autonómica investiu uns 60M€ que permitiron levar a cabo arredor de 4.000 plans específicos de mellora educativa

Lun, 19/04/2021 - 13:44

A Xunta de Galicia vai implementar de cara o vindeiro curso un novo modelo de Contratos-Programa −o acordo anual entre a administración e os centros para implantar plans específicos de mellora nas aulas−, cunha aposta pola especialización dos proxectos que se desenvolvan ao abeiro desta iniciativa da Consellería de Educación que arrancou por primeira vez de xeito pioneiro no curso 2011-12.

Agora, nun acto con motivo dos dez anos de funcionamento deste programa que ten nos centros os seus principais protagonistas á hora de deseñar e implementar accións concretas de mellora en todos os ámbitos educativos, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou unha reestruturación do mesmo enfocándoo aos retos da educación da próxima década, que esixen dunha maior especialización en todos os ámbitos, e cunha dotación orzamentaria que acadará os 8M€. Trátase, por tanto, de preservar este “modelo de éxito” adaptándoo ás novas demandas.

Así pois, os novos Contratos-Programa que entrarán en vigor no próximo curso van pivotar en torno a dous eixos que son a innovación e a inclusión, a partir dos cales os centros van ter “máis marxe de manobra e autonomía” para definir o plan de mellora concreto que considere preciso implantar dentro do seu proxecto educativo. Segundo explicou o conselleiro, o “modelo de contrato que xa existía vai permanecer intacto”, pero fronte a propostas pechadas da Administración, “serán os propios centros os que definan os aspectos a mellorar” dentro dos eixos establecidos.

Igualdade, vida sustentable ou benestar emocional

O eixo xeral de innovación aglutinará todas as propostas dos centros relativas a metodoloxías innovadoras para a adquisición de competencias clave, afondar nun ámbito específico de coñecemento, mellora da xestión dos centros, mellora na calidade ambiental ou propostas de fomento de hábitos de vida saudables.

A liña de inclusión abrangue todas as iniciativas encamiñadas a promover a igualdade de oportunidades, a equidade, a coeducación ou o benestar emocional que, en palabras do conselleiro, “teñen incidencia no éxito escolar”.

Román Rodríguez lembrou que estes dous eixos que se van desenvolver baixo o paraugas dos Contratos-Programa “están aliñados cos retos da educación do futuro” nos que a Xunta está traballando a través de varias iniciativas.

Balance dunha década

Nos dez anos de implantación dos Contratos-Programa leváronse a cabo arredor de 4.000 plans específicos de mellora nos centros escolares e un orzamento de 60M€.

No presente curso participan nesta iniciativa 424 centros educativos coa implicación de preto de 8.000 profesores que posibilitaron o desenvolvemento dunhas 1.800 accións distintas dentro das nove liñas de traballo establecidas.

De feito, nesta década, os Contratos-Programa experimentaron un crecemento exponencial desde os 144 pioneiros no curso 2011-12, e hoxe un de cada catro centros participan nalgunha liña deste programa.

A isto hai que engadir que desde o curso pasado, as liñas específicas de reforzo de competencias pasaron a converterse nun programa propio, o ARCO (Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación), ao que hoxe se acollen 512 centros educativos, e para o cal se mobilizan 948 profesores a maiores nestes centros.