Máis de 100 propostas para felicitar o Nadal en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove un concurso de presentacións electrónicas para celebrar estas festas no que xa participan máis de 100 traballos

O prazo para o envío das presentacións continúa aberto ata mañá

Os traballos máis enxeñosos estarán dispoñibles no web do departamento para felicitar estas datas a través de internet

Xov, 08/12/2011 - 14:44
Postal gañadora do concurso na edición de 2010
Postal gañadora do concurso na edición de 2010

Máis de 100 propostas para felicitar o Nadal en galego a través de internet. Este é o número de traballos que participan ata o momento no concurso de presentacións electrónicas que ten en marcha a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que mantén aberto o prazo de admisión de orixinais ata o 9 de decembro.

As persoas interesadas en participar deberán achegar creacións vinculadas co significado destas datas, propostas para felicitar o Aninovo, o Día de Reis ou as festas de Nadal en xeral, así como calquera outra iniciativa que contribúa a favorecer o uso do galego na comunicación propia destas festas e, ao mesmo tempo, no ámbito das tecnoloxías.

A calidade estética e lingüística serán dous aspectos prioritarios a ter en conta polo xurado que valore as propostas. Ademais, as presentación terán como extensión máxima 10 diapositivas e non deberán exceder os 10 Mb de peso, para favorecer o seu envío por medios electrónicos comúns.

Para participar no concurso cómpre enviar as presentacións a calquera dos seguintes enderezos electrónicos: secretaria.xeral.politica.linguistica.web@xunta.es ou a sxpl.secretaria@xunta.es. No asunto do correo debe indicarse “Concurso de Nadal 2011”.

Premios

Todos os traballos que participen optan a gañar un dos tres premios do concurso, consistentes nun lote de produtos de lecer en galego. As tres presentacións galardoadas xunto cunha selección do resto de propostas presentadas estarán dispoñibles no web da secretaría xeral, www.xunta.es/linguagalega, para a súa descarga e utilización a través de internet.

A secretaría xeral promve por segundo ano consecutivo este concurso logo da alta participación e da calidade dos traballos recibidos na primeira edición. No web do departamento, en http://www.xunta.es/linguagalega/concurso_de_nadal_2010, está accesible unha galería coas presentacións gañadoras de 2010, xunto cunha mostra dos traballos máis enxeñosos dese ano.

Menús News node R