Título node Learning object

"Encontros americanos" na Fundación Eugenio Granell
Mar, 24/10/2023 - 09:38

A Fundación Eugenio Granell organiza a actividade “Encontros americanos na Granell”, que terá lugar o xoves 26 de outubro, ás 18.00h.

Nesta ocasión preséntase “Novo cine mexicano e comunidades indíxenas”, a proxección do filme Finlandia e unha conferencia-conversatorio co seu director, Horacio Alcalá. A actividade, nesta ocasión, será ás 18.00h pola proxección do filme.

Os “Encontros Americanos na Granell” teñen como fin ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través dun programa de conferencias mensuais que abordarán temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo. Están organizados polo Grupo de Historia de América (HistAmérica) da USC, e cofinanciados pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través da súa convocatoria de axudas de dinamización cultural.

Sinopse de Finlandia: En Oaxaca existe unha comunidade que non ten medo a desafiar os conceptos de identidade e xénero chegando ao mais fondo das súas paixóns a través do contacto coa terra que coidan: as muxes. Non son nin homes nin mulleres. Son unha comunidade unida baixo a vibración da terra que senten atracción polas vibracións humanas sen importar o xénero e adoitan desenvolver tarefas tradicionalmente femininas como a cociña, a artesanía ou a costura. Confeccionan roupa tradicional zapoteca que visten.  Este grupo chama a atención dunha importante marca de roupa que envía a unha deseñadora de moda a Oaxaca para comprar a man de obra das muxes. Con todo, nada é o que parece na terra das muxes. O tremor que acosa a Oaxaca desde fai anos terminará nun sismo real que fará que as muxes desafíen o seu destino e acaben curando a súa alma.