Título node Learning object

Premio Mentes AMI de "Impulso á creatividade audiovisual" para o proxecto pedagóxico Aturuxo Films
Xov, 26/10/2023 - 09:44

O proxecto pedagóxico Aturuxo Films de alfabetización cinematográfica, mediática e dixital vén de recibir un novo premio que recoñece o seu traballo co alumnado do IES de Cacheiras.

Nesta ocasión é o gañador dos Premios Mentes AMI que impulsa a Fundación Atresmedia na categoría Impulso da creatividade audiovisual responsable co proxecto Imaxinando realidades. Creación e Compromiso Social presentado polo seu coordinador Sergio Clavero, profesor do centro. Este proxecto aborda a creación cinematográfica cunha filosofía documental de exploración reflexiva e crítica para achegar o alumnado a outras realidades sociais da súa contorna.

Os Premios Mentes AMI premian accións e proxectos levados a cabo por docentes e centros educativos desenvolvidos nas aulas que fomenten o pensamento crítico, a creatividade audiovisual responsable ou os valores e a convivencia do alumnado. Elixidos entre preto de máis de 400 candidaturas, os tres proxectos gañadores de cada unha das categorías difundiranse nas canles de televisión do grupo Atresmedia, así como na páxina web e as redes sociais da Fundación para que sirvan como inspiración a outros centros e docentes.

Aturuxo Films converteuse, tras unha traxectoria de quince anos, nun referente a nivel nacional de como se debe desenvolver un proceso de alfabetización cinematográfica e mediática curricularmente nas aulas. O proxecto recibiu numerosos recoñecementos como o Premio de Alfabetización Audiovisual 2014 do Ministerio de Educación e Cultura, o 1º Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018 e o 1º Premio Innovagal de 2021 da Xunta de Galicia e o Premio Nacional de Boas Prácticas Educativas 2019 do Ministerio de Educación. Tamén a Peonza de Ouro nos Premios Espiral 2020 e o Premio de Innovación Educativa 2023 de UXT Galicia. As obras cinematográficas creadas polo alumnado recibiron tamén máis de 60 premios nacionais e internacionais e foron proxectados en numerosos festivais de cinema de todo o mundo.

Ligazón ao video coa entrega do Premio ao proxecto do IES de Cacheiras e posterior entrevista de Roberto Leal a Sergio Clavero.