A Xunta convoca as axudas complementarias para os universitarios galegos que participan este curso no programa Erasmus+

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o día 2 de febreiro
 

O importe oscila entre os 125 e os 195 euros ao mes, para estadías entre dous e nove meses, en función do país de destino

Mar, 02/01/2024 - 14:18
c

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas complementarias para o alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que participa este curso no programa comunitario Erasmus+.

O prazo para tramitar as solicitudes estará aberto desde mañá ata o día 2 de febreiro. Os interesados deberán realizar a solicitude por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O importe da axuda varía en función do país de destino. Deste xeito, é de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega e Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos e Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia e Turquía).

Ademais, no caso de existir remanente de crédito, adxudicarase unha contía uniforme de 500€ entre as persoas solicitantes que realicen unha estadía igual ou superior a cinco meses e conten cos expedientes con maior nota media.

Estas bolsas funcionan como complemento ás achegadas pola Unión Europea para os estudantes que están neste programa de mobilidade. O Goberno galego mantén un orzamento de máis de 1,5M€ para dar cobertura con esta convocatoria a todos os alumnos que reciben a axuda comunitaria.
Requisitos

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2023/24 en calquera grao das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e participar no devandito programa de mobilidade universitaria como beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación, en estadías de entre dous e nove meses.

Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

O obxectivo desta liña de axudas é favorecer a participación do alumnado neste programa de mobilidade, que facilita acadar unha dimensión internacional dos estudos e un enriquecemento dos itinerarios curriculares.