Segunda edición do Ciclo de Cultura Científica

Lun, 01/04/2024 - 11:26
Tecnoloxía con sentidiño

A Xunta de Galicia lanza a segunda edición do Ciclo de Cultura Científica dirixida a público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. Baixo o título Tecnoloxía con sentidiño, a partir do 4 de abril abordaranse varias temáticas en torno a o eixo común da tecnoloxía, como o uso da mesma nas aulas, a súa relación coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía ou a Intelixencia Artificial, entre outros.

A Xunta organiza este ciclo nun momento no que o uso da tecnoloxías é motivo de debate, tamén no ámbito do ensino. O obxectivo é ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria e documentada, con expertos do maior nivel, e baseada en investigacións.

Poderán seguirse de forma presencia no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén serán retransmitidas en streaming na canle de YouTube da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Na primeira das sesións, o 4 de abril, Héctor Ruíz Martin, investigador e director da International Science Teaching Foundation, impartirá o relatorio Que nos di a investigación sobre o uso da tecnoloxía na aula?.

Pola súa banda, a escritora e columnista Laura Espido Freire será a encargada, o 22 de abril, da intervención Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fio narrativo.

Xa en maio, o día 2, José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, afondará nos Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede; mentres que o día 16 Juanjo Montiel Pérez, enxeñeiro senior de software de Microsoft, aportará unha ollada desde a discapacidade e a plena integración da tecnoloxía na conferencia Tecnoloxía e accesibilidade.

O 28 de maio, Javier Saéz de los Terreros, responsable da comunicación dixital do Museo del Prado en Madrid, descubrirá aos asistentes como achegar a tecnoloxía cara un público que non visita os museos co relatorio Estratexias de comunicación dixital. As redes sociais do Museo do Prado.

O 4 de xuño será a quenda de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en Intelixencia artificial do CITIC da Universidade da Coruña e do Centro de Innovación Educativa e Dixital, quen abordará o impacto das novas tecnoloxías na sociedade con Educación na era da Intelixencia Artificial: vaiamos a modo.

A última conferencia desenvolverase en xuño, con data aínda por fixar, da man de Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas. Achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.

Os docentes asistentes ao ciclo completo recibirán un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas. O libro que versa sobre o ciclo celebrado en 2023, baixo o título Ciencia parece pero non é, presentarase o vindeiro 4 de abril, na primeira das sesións. A inscrición faise en FProfe, no código G2302046.

Menús CAFI node R

 

Sección