A Xunta financiará a contratación de 50 profesores universitarios e esixe ao Ministerio de Universidades que garanta que asumirá a parte que lle corresponde

Os conselleiros de Facenda e de Educación en funcións reúnense cos reitores para reafirmarlles o compromiso do Goberno galego coas tres universidades públicas

Román Rodríguez lamenta o chantaxe do Ministerio ao impoñer esta medida sen negociala coas comunidades autónomas, malia ter que cofinancialas

Mér, 10/04/2024 - 14:06
O Conselleiro co Ministro e outras persoas falando en grupo

Os conselleiros en funcións de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciaron hoxe que a Xunta financiará a contratación de 50 profesores universitarios, isto é, un terzo do total de 150 prazas estimadas para Galicia, e esixirá ao Ministerio de Universidades garantías do pagamento –aínda cos Orzamentos prorrogados– das prazas que se comprometeu a asumir.

Así o explicaron aos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da de Vigo, Manuel Reigosa, e da da Coruña, Ricardo Cao, nunha reunión mantida esta mañá en San Caetano para informalos dos pormenores da última Conferencia General de Política Universitaria, na que se abordou este asunto.

No transcurso da reunión, o titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades non ofrecera ningún tipo de diálogo ao respecto, “senón que fixo unha chantaxe ás administracións autonómicas”. “Trátase dun novo exemplo de ‘eu invito e ti pagas’ ao que nos ten afeito o Goberno central, que adoita impoñer novas leis que implican máis gasto para as comunidades autónomas, sen acompañalas dunha memoria económica nin de transferencias de orzamentos”, explicou Román Rodríguez.

“Somos agora as comunidades as que temos que facer fronte a un problema xerado pola nova Lei Orgánica do Sistema Universitario, unha normativa que Moncloa non negociou cos axentes implicados e que está a xerar dificultades orzamentarias nas universidades e, como consecuencia, nas administracións autonómicas que as cofinanciamos”, explicou.

Agravio ás universidades cumpridoras

O conselleiro de Educación destacou o bo traballo das universidades galegas “que teñen os seus cadros entre os máis estabilizados do Estado, polo que a medida ten menos impacto”. Neste sentido lamentou que outras universidades de fóra de Galicia se vaian ver máis beneficiadas por este plan, malia non ter feito unha boa política laboral interna. “Do mesmo xeito existe un agravio comparativo entre as comunidades e as que nos esforzamos por manter a estabilidade somos descompensadas”, sinalou.

Diante desta situación, e malia non estar conformes co plan proposto polo Ministerio, a Xunta decidiu cumprir a súa parte e asumir con fondos propios o custo do terzo das prazas que lle corresponden, segundo o criterio imposto polo departamento dirixido por Diana Morant. En calquera caso, esixirá ao Goberno central que garanta que vai pagar ás universidades a totalidade das prazas que lles toca contratar xa este ano.

Neste sentido, os conselleiros explicaron que o Ministerio non foi quen de aclarar como vai facer fronte ao pagamento das prazas de profesorado axudante doutor que se comprometeu a asumir na súa totalidade este ano, tendo en conta que non vai haber novos Orzamentos. Así mesmo, o Goberno central aínda non remitiu –nin aclara a data na que o vai facer– o convenio bilateral que vai impoñer ás comunidades autónomas para este fin.

“Pese a todo isto, a Xunta ten unha responsabilidade cara as universidades públicas galegas, cara o país en definitiva, polo que imos cofinanciar a parte correspondente deste proceso e apoiar ás universidades para poder implementar esta medida”, afirmou Román Rodríguez.