A Xunta destaca a importancia das matemáticas nos desafíos actuais que supoñen a intelixencia artificial ou a enerxía

A representante da Consellería agradece o compromiso do profesorado participante neste programa “con transmitir esta ciencia desde unha perspectiva universal adaptada aos novos retos”

Ven, 12/04/2024 - 19:48
e

A directora xeral de Ordenación e innovación educativa, Judith Fernández, participou hoxe no Encontro Nacional ESTALMAT, celebrado na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Unha cita que reúne “docentes de Matemáticas de todo o país, que buscan reforzar a vocación STEM do alumnado e afondar na importancia desta ciencia no mundo contemporáneo”, destacou.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo fincapé na importancia de concienciar os alumnos sobre o valor real das matemáticas e a súa influencia ante os desafíos actuais en eidos como a Intelixencia Artificial, o desenvolvemento sostible ou a enerxía. “Por iso, agradezo o voso compromiso con transmitir esta ciencia desde unha perspectiva universal adaptada aos retos e circunstancias que nos rodean”, afirmou.

“O contexto de transformación social e tecnolóxica esixirá dunha profesionalización inmediata das competencias STEM, polo que debemos afondar nas súas posibilidades e ofrecer un valor engadido que marque a diferenza e permita sacar o máximo partido posible ao coñecemento adquirido”, explicou a directora xeral. “O programa ESTALMAT é unha oportunidade extraordinaria para seguir desenvolvendo a vosa formación específica e contribuír a impulsar la cualificación do estudantado”, sinalou. 

ESTALMAT-Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia e ten como obxectivo detectar e estimular o talento matemático precoz entre os rapaces de 12 e 13 anos, a través de diferentes actividades. A iniciativa naceu a nivel nacional en 1988 e implantouse en Galicia hai 17 anos, da man do ex reitor da USC e catedrático de Matemática aplicada, Juan Viaño. É a decana da Facultade de Matemáticas,  Elena Vázquez Cendón, a que ostenta hoxe a presidencia de ESTALMAT-Galicia e desenvolve o programa.