A Xunta reforza o seu compromiso coas ensinanzas de réxime especial na segunda edición de Innovart

Case 35.000 alumnos cursan estas opcións formativas, cun incremento do 20% nas deportivas e do 3% nas artísticas como resultado das melloras na oferta

Os días 18 e 19 de abril celébrase na Cidade da Cultura a nova edición desta mostra, que serve para darlle visibilidade ás ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas

Prevese que acudan 6.000 persoas, a maioría delas alumnado que poderá obter información e orientación profesional nesta cita

Lun, 15/04/2024 - 22:15
i

Máis dun centenar de centros amosarán a excelencia das ensinanzas de réxime especial na segunda edición da mostra Innovart, que se celebrará o 18 e 19 de abril na Cidade da Cultura de Galicia, a mostra coa que a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso con darlle pulo ás ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas. Froito deste impulso, esta nova edición conta cun 20% máis de centros participantes, que teñen nesta cita un gran escaparate para dar a coñecer o seu traballo.

Prevese un incremento da asistencia de público en xeral, podendo acadar un total dunhas 6.000 persoas asistentes. A maior parte delas será alumnado, que poderá obter neste evento información e orientación profesional sobre as posibilidades e saídas destas ensinanzas.

A mostra porá a disposición dos visitantes novos obradoiros de cada unha das ensinanzas de réxime especial, espectáculos, concertos e representacións escénicas, así como un renovado set de entrevistas e televisión polo que pasarán parte do alumnado e docentes participantes.

Melloras na oferta

Son case 35.000 os alumnos que cursan estas opcións formativas neste ano académico, cun incremento do 20% nas deportivas e do 3% nas artísticas respecto do 2022/23, como resultado das melloras e novidades introducidas na oferta por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

No eido das ensinanzas artísticas, este ano implantouse no Conservatorio Superior de Música de Vigo o primeiro máster en ensinanzas artísticas de Galicia do mesmo nivel dos universitarios oficiais, o Máster en ensinanzas artísticas en creación, interpretación e investigación musical. Ademais, a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (Santiago de Compostela) comezou a impartir este curso un itinerario dual pioneiro en España de xoiaría e complementos, concretamente da especialidade de deseño de produto na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Así mesmo, incrementouse o plurilingüismo nas ensinanzas artísticas coa implantación de novos ciclos plurilingües nas ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño a través do programa PLURIART nas Escolas de Arte e Superiores de Deseño Ramón Falcón (Lugo) e Pablo Picasso (A Coruña) e novas seccións bilingües con carácter experimental no Conservatorio Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra e na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

No caso das ensinanzas de idiomas, medrou a oferta con Incremento de cursos de actualización lingüística do profesorado, linguaxe administrativa, CELGA e cursos monográficos, ao tempo que se potenciaron os cursos semipresenciais.

A maiores, nas ensinanzas deportivas implantáronse os ciclos superiores de Vela con aparello fixo e con aparello libre no Centro Integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).