A Consellería de Cultura e Educación participa na celebración do Día da árbore no IES de Mos

O director xeral de Centros e Recursos Humanos asistiu á presentación do Bosque en 3D realizado polo alumnado co gallo do concurso convocado por Confemadera-Galicia

Mér, 21/03/2012 - 12:00
O director xeral de Centros no Día da Árbore en Mos
O director xeral de Centros no Día da Árbore en Mos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na celebración do Día Forestal Mundial, coñecido como Día da Árbore, no IES de Mos (Pontevedra), onde o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, asistiu á presentación do bosque en 3 dimensións realizado polo alumnado do centro co gallo do concurso convocado por Confemadera-Galicia para conmemorar esta data, no marco da campaña O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo.

O director xeral explicou que a Consellería se suma cada ano á iniciativa da celebración do Día Mundial Forestal, conscientes da “importancia de concienciar aos máis novos no coidado do medio ambiente, na conservación da natureza e nunha educación para a sostenibilidade nos centros de ensino de toda Galicia”. “Vós, alumnas e alumnos, pertencedes a unha xeración que medrou sabendo que o medio ambiente está ameazado. Sabedes que resulta imprescindible poñer da vosa parte para conservar un contorno natural habitable e facelo compatible coa vida moderna”, dixo.

Desta forma salientou a importancia da educación para a sostenibilidade, “que supón formar cidadáns responsables, con valores, actitudes, hábitos e comportamentos que permitan asumir como propios os principios do desenvolvemento sostible. Para que a nosa foresta poida seguir acollendo o noso lecer, protexendo a nosa diversidade natural e xerando recursos económicos para a nosa terra”.

O director xeral sinalou a importancia deste concurso “que contribúe activamente na transmisión dos valores medioambientais, sociais e económicos dos bosques galegos. Só deste xeito, traballando xuntos, abordando iniciativas en conxunto, se acadan resultados esperanzadores, avances”.

Así mesmo salientou o traballo realizado polas alumnas e alumnos do IES de Mos, que crearon un bosque en 3D para participar no concurso, composto por 15 pezas de árbores construídas con papel reciclado entre os que se inclúen distintos tipos de árbores frutais, decorativos e maderables. “É mérito voso- dixo- estar implicados, tomar parte máis alá das vosas obrigas lectivas. Porque estades seguros, coma nós, de que un mundo mellor é posible”. Ademais agradeceu o labor dos docentes “guiando ás rapazas e rapaces, apoiando e conducindo as súas ideas, participando das súas expectativas e preocupacións. Porque confían en que con vós chegue ese futuro mellor”, engadiu.

Así mesmo, a secretaria xeral de Confemadera-Galicia, Ana Oróns, agradeceu ás alumnas e alumnos o esforzo realizado para participar no certame e animouno “a coñecer as peculiaridades do monte galego”.

Conmemoración

A convocatoria do concurso de debuxo e fotografía segue aberta ata o 4 de maio para todos aqueles estudantes de 1º a 4º de educación secundaria obrigatoria que desexen presentar traballos en grupo ou de forma individual, a través de fotografía, collages e debuxos. Polo momento xa confirmaron a súa participación en O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo o IES Plurilingüe Elviña (A Coruña), o IES Rafael Puga Ramón (A Coruña), o CPR Cristo Rey (Ferrol), o CPR Ferroviario (Monforte de Lemos), o IES Alfoz-Valadouro (Alfoz), o CPI de Cova Terreña (Baiona), o IES Carlos Casares (Vigo), o CPR La Inmaculada (Marín), o CEE Panxón (Nigrán), o CPI Ribeira (O Porriño) e o IES de Mos.

No marco da campaña O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo, que leva 6 anos celebrándose, tamén se realizaron diversas charlas divulgativas nos centros de educación especial Terra de Ferrol (Ferrol) e Saladino Cortizo (Vigo), no IES Pazo da Mercé (As Neves, Pontevedra), Colegio Jorge Juan (Narón) e na Escola Familiar Agraria Fonteboa (Coristanco, A Coruña).