O CEIP Alfonso Daniel R. Castelao de Rianxo e o IES Xoán Montes de Lugo gañan o concurso-exposición Letras Galegas 2012 convocado pola Consellería de Cultura e Educación

As exposicións gañadoras serán as encargadas de dar a coñecer a obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica en que viviu Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado este ano

A iniciativa da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, busca implicar o alumnado na celebración das Letras Galegas e potenciar o coñecemento da obra do escritor

Mar, 27/03/2012 - 12:17
Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas
Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará a figura de Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, aos centros de ensino, aos centros de estudos galegos, aos centros da emigración, ás bibliotecas municipais e ás casas da cultura de máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior. A Consellería que dirixe Xesús Vázquez Abad vén de resolver os dous premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012, no que resultaron gañadores O CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, (Rianxo) e o IES Xoán Montes (Lugo), baixo as categorías de centros de educación infantil e primaria e de centros de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, respectivamente.

Deste xeito, as dúas coleccións de 10 carteis que conforman as dúas exposicións gañadoras ‘Valentín Paz-Andrade, galego de corazón’ -do CEIP Alfonso Daniel R. Castelao- e ‘Colleita do 1898’ -do IES Xoán Montes- imprimiranse e distribuiranse, acompañadas de cadansúa guía didáctica explicativa, para fomentar o achegamento do alumnado a Paz-Andrade e á súa obra. Os grupos de traballo que participaron na súa confección recibirán ademais un premio en metálico por importe de 3.000 euros cada un.

Favorecer o coñecemento da obra de Paz-Andrade entre o alumnado

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, contribúe á conmemoración do Día das Letras Galegas 2012 mediante a organización deste concurso-exposición no que poden participar todos os centros de ensino non universitario da súa titularidade.

Con esta iniciativa, a Consellería quere impulsar o estudo da obra de Valentín Paz-Andrade, favorecer a reflexión sociolingüística sobre o contexto histórico do autor, incentivar a realización de actividades que fomenten a colaboración multidisciplinar e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e fornecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para a creación doutros.

Apoio ás aulas de Lingua galega e literatura e ao labor dos EDLG

Tamén a través dos materiais que integran ‘Valentín Paz-Andrade, galego de corazón’ e ‘Colleita de 1898’ quere a Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fornecer de material complementario as aulas da materia de Lingua galega e literatura, e facilitarlle ferramentas ao profesorado encargado da súa impartición, no marco dos currículos escolares da ESO e do Bacharelato.

Estas dúas exposicións e as guías didácticas explicativas que as acompañan constitúen ademais un material de apoio ao importante labor desenvolvido desde os Equipos de dinamización da lingua galega en favor da aprendizaxe da lingua galega, así coma da súa promoción e valorización social.