Anxo Lorenzo apoia a promoción da diversidade lingüística como un valor transversal necesario da política da unión europea

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na reunión da comisión directiva da rede europea para a promoción da diversidade das linguas, que tivo lugar na cidade de Donostia

Ven, 19/02/2010 - 14:16

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, destacou a importancia de que a promoción da diversidade lingüística sexa un valor transversal da política da Unión Europea dos próximos anos. Anxo Lorenzo incidiu nesta posta en valor do multilingüismo na reunión da comisión directiva da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD) que tivo lugar hoxe na cidade de Donostia. O secretario xeral participou neste encontro da rede europea para a promoción da diversidade lingüística, no que se trataron, entre outros temas, o seguimento dos proxectos que a NPLD ten en marcha, as novas propostas de traballo para este ano 2010, a actualización relativa á incorporación de novos membros e o balance orzamentario de 2009.

Ademais da Xunta de Galicia, na reunión da comisión executiva da NPLD tamén participaron representantes de institucións doutras linguas, como o Goberno do País Vasco, Navarra, Cataluña, Gales, Irlanda, Finlandia ou Frisia.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forma parte da NPLD, unha iniciativa que lidera a Oficina Galesa de Política Lingüística e que reúne estados membros, gobernos autónomos, ONG e diferentes organismos da Unión Europea que promoven o multilingüismo, como é o caso do Centro Europeo de Investigación en Multilingüismo Mercator ou a Axencia de Noticias sobre Linguas (Eurolang).

Preservar e impulsar a diversidade das linguas da Unión Europea

As linguas que integran a NPLD son o galego, o éuscaro, o catalán, o irlandés, o galés, o escocés, o estonio, o bretón, o occitano, o frisio e o sueco. Entre os obxectivos desta rede europea figuran, entre outros, o intercambio das mellores prácticas de promoción das linguas, o desenvolvemento de proxectos innovadores no campo da planificación lingüística e a preservación e o impulso da diversidade das linguas dos estados da Unión Europea.

En Europa fálanse na actualidade arredor de 240 linguas, unha cifra considerablemente inferior á que se rexistra nos outros continentes. Só unha parte destes idiomas gozan de recoñecemento oficial e o seu status é de diversa natureza.