Política lingüística pon en marcha novos cursos de formación específica en galego para os profesionais da administración

Mañá comezan oito cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior nas cidades de Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela

Mar, 23/02/2010 - 14:46
Manual linguaxe administrativa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha oito novos cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, que comezarán mañá nas cidades de Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela. Os cursos, organizados en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), teñen como obxectivo prioritario fomentar o uso e o coñecemento da lingua galega entre o persoal público da Administración autonómica de Galicia.

O pasado mes de xaneiro botou a andar a oferta formativa de linguaxe administrativa galega que ten prevista para este ano o departamento que dirixe Anxo Lorenzo. Trátase dun total de 33 cursos de nivel medio e superior que se desenvolverán en diversas localidades de Galicia ata o próximo mes de setembro. Os cursos, que son de carácter gratuíto, contan con entre 20 e 30 prazas cada un e desenvólvense en horario de 08:00 horas a 10:00 horas e de 13:00 horas a 15:00 horas.

Garantía de competencia en lingua galega

Estes cursos forman parte do ambicioso plan de formación destinado ao funcionariado que o departamento que dirixe Anxo Lorenzo ten en marcha co fin de establecer as necesarias garantías de competencia lingüística en todas as áreas das diferentes administracións. Para facilitar o proceso de aprendizaxe do galego a través destes cursos, a secretaría xeral ten a disposición da cidadanía manuais específicos de linguaxe administrativa, aos que se pode acceder a través da web do departamento, www.xunta.es/linguagalega.

Unha completa oferta formativa

De acordo cos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística organizou ao longo de 2009 diversos cursos para a formación específica en galego do funcionariado das distintas administracións. En colaboración coa EGAP, organizáronse 27 cursos de linguaxe administrativa para traballadores da Xunta e en colaboración coas escolas oficiais de idiomas ofertáronse un total de 17 cursos, abertos para a cidadanía. Cursos de linguaxe administrativa para o funcionariado do Estado na comunidade galega desenvolvéronse 13, en colaboración co Instituto Nacional de Administracións Públicas. Completouse esta oferta coa impartición de 19 cursos de linguaxe xurídica, en colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza.

Menús News node R