O conselleiro de Educación asistiu á apertura das xornadas conmemorativas do XX aniversario do IES Gonzalo Torrente Ballester, en Pontevedra

Ven, 26/02/2010 - 20:35

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao acto de apertura das xornadas coas que se conmemora o XX aniversario do IES Gonzalo Torrente Ballester, en Pontevedra. A celebración durará ata o vindeiro 25 de marzo, e coincide co centenario do nacemento do escritor que dá nome ao centro escolar.

Durante a súa intervención Vázquez Abad felicitou a todos os integrantes da comunidade educativa polo papel exercido por cada un deles durante todo este tempo e o que queda por diante, ao tempo que recordou aos presentes que “a escola foi e será o lugar onde miles de familias depositan as súas esperanzas para a mellor educación dos seus fillos”.

O conselleiro de Educación resaltou o importante labor exercido polos docentes do IES ao longo destes vinte anos xa que “sabemos que non foi doado, porque educar nunca é doado”, e dirixíndose aos alumnos e alumnas destacou que eles esperan que “os educadores lles dean unha resposta as súas inquedanzas, e a resposta acertada dará como resultado unha formación de excelencia, así como unhas sólidas raíces en valores, capacidade de aprendizaxe constante e manexo da información actualizada”.

O conselleiro foi o encargado de facer entrega de vinte placas conmemorativas aos membros dos equipos directivos do instituto nos dez últimos anos. Do mesmo modo, o director do centro, José Ramón Couto, entregou un agasallo ás autoridades presentes. O acto de hoxe comezou cunha proxección audiovisual na que se reflicten diferentes momentos da traxectoria do centro de estudos, que estivo acompañada pola actuación musical a cargo do gaiteiro e ex alumno, Óscar Ibáñez.

Entre os presentes destacou a presenza de alumnos e profesores actuais e antigos, así como equipos directivos do IES Torrente Ballester, aos que se uniron representantes de centros da zona. Xunto a todos eles estivo o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez.

Actividades programadas

Ao longo do mes de marzo realizaranse diversas actividades conmemorativas destinadas aos alumnos, familias, profesores, e todo aquel que desexe asistir aos relatorios e actos. Así o vindeiro martes Bibiana Camaño Rodal, membro da Asociación para a Prevención e Intervención Psicolóxica, CHISEM, presentará o relatorio ‘Pautas educativas na familia’. O xoves os alumnos de 1º de bacharelato terán a posibilidade de escoitar a Manuel Luis Casalderrey, catedrático de Física e Química do IES Sánchez Cantón e divulgador científico que lles falará da ‘Simbiose química- tecnolóxica’. Ese mesmo día tamén visitará o centro un policía nacional para falar de ‘Internet: riscos e revención’.

O mércores 10 de marzo abordarase o tema ‘Adolescentes: nin nenos nin adultos. Unha aproximación á adolescencia’, a cargo de Olegaria Mosquera, orientadora do IES Santa Irene de Vigo, e presidenta da Sección educativa do Colexio de Psicólogos de Galicia. Tras ela un policía nacional volverá intervir cun relatorio en torno a Internet, os seus riscos e a prevención, pero nesta ocasión con consellos dirixidos aos pais e responsables dos nenos e nenas.

O 16 de marzo a psicóloga clínica do Servizo Preventivo asistencial de drogodependencia do concello de O Grove, Nieves Fernández Barrio, intervirá co relatorio ‘Autorresponsabilidade e saúde (que depende de ti? Qué podes facer pola túa saúde?)’. Máis tarde falará para pais e profesores sobre a importancia da súa implicación na educación do alumnado no referente a temas de saúde.

Os actos continuarán o 18 de marzo cunha xornada de convivencia dos diferentes sectores da comunidade educativa. A celebración rematará o 25 de marzo cun acto de clausura que correrá a cargo do alcalde do concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Ese día os profesores que exerceron o labor educativo no centro e aqueles que se xubilaron no mesmo, recibirán unha placa na que se salienta o traballo realizado cos alumnos e alumnas do IES Torrente Ballester.