Cultura e Educación resolve o certame a curtas de animación en galego do programa de dinamización Nós tamén creamos!

Os traballos que concorreron ao certame foron todos elaborados por profesorado e por alumnado de educación infantil e primaria, comprendido entre 3 e 9 anos

A extraordinaria calidade das máis de 60 curtas recibidas motivou que a comisión de selección outorgase, ademais dos tres premios establecidos nas bases, catro mencións especiais

As tres curtas gañadoras están accesibles desde os webs da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Compañía Radio-Televisión de Galicia

Ven, 15/06/2012 - 15:10
Cultura e Educación resolve o certame a curtas de animación en galego do program
Cultura e Educación resolve o certame a curtas de animación en galego do programa de dinamización Nós tamén creamos!

O certame Nós tamén creamos!, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora, no marco do programa de dinamización lingüística homónimo, xa ten gañadores. O xurado encargado de valorar as máis de 60 curtas de animación en galego presentadas polos 50 centros de educación infantil e primaria que concorreron ao concurso vén de resolver os tres galardóns contemplados nas bases da convocatoria.

A través de Nós tamén creamos!, a consellería dirixida por Vázquez Abad dálle continuidade ao programa dinamización lingüística iniciado no curso 2010-2011 no marco do que todas as aulas de infantil dos centros escolares de Galicia recibiron tres curtas en galego acompañadas de cadansúa unidade didáctica. No curso 2011-2012, Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, deu un paso máis na iniciativa co fin de converter o alumnado, non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador.

Dentro do novo programa, Cultura e Educación ofreceulle formación e asesoramento ao profesorado de 50 centros públicos para elaboraren co seu alumnado curtas de animación en galego mediante o emprego da técnica stop-motion.

Animación en galego para os máis pequenos

A iniciativa buscou incentivar o uso da lingua galega, nas franxas máis baixas de idade, en novos espazos e soportes, nomeadamente no audiovisual; favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; promover unha relación positiva dos rapaces coa lingua propia de Galicia, ao relacionala co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se acheguasen á lectura en galego; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a CRTVG.

Tres centros gañadores en cadansúa modalidade

Na modalidade de infantil foi galardoado o traballo A tartaruga que quería durmir, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños; no primeiro ciclo de primaria, recibiu premio Lobo feroz, elaborado por profesorado e alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña e, no segundo ciclo de primaria, resultou premiado o CEIP Felipe de Castro de Noia pola curta A máscara do león.

De acordo coas bases do concurso, o profesorado que elaborou estas tres curtas será recoñecido con 20 horas de innovación educativa e o seu centro recibirá unha pantalla de plasma de alta definición, un lote de libros de OQOeditora e mais un diploma acreditativo expedido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A alta calidade dos traballos recibidos motivou que a comisión de selección decidise outorgar tamén catro mencións ás curtas Maxia, A vella Lulula, Un can e un gato e A máscara do león elaborados nos colexios Felipe de Castro, Vilagarcía de Arousa, Ponte da Pedra e San Benito de Lérez, respectivamente.  Ademais, a comisión acordou propoñerlle á CRTVG que emita outras moitas curtas que, a pesar de non resultaren premiadas, teñen abonda calidade estética, lingüística e técnica. A Televisión de Galicia xa respondeu positivamente a este pedimento.

As curtametraxes premiadas poden verse na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.xunta.es/linguagalega/nos_tamen_creamos) e mais na sección infantil do web da CRTVG (http://www.crtvg.es/infantil/nos-tamen-creamos).