Máis de 400 docentes e orientadores reúnense, en Santiago, nas Xornadas de Escolarización de Alumnado Inmigrante

O conselleiro de Educación recibiu esta mañá a destacados relatores que participan nas conferencias

Ven, 20/11/2009 - 13:58
O conselleiro de Educación xunto a relatores destacados
O conselleiro de Educación xunto a relatores destacados

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, inaugurou esta tarde as ''Xornadas de escolarización de alumnado inmigrante'' baixo o título 'Eliminando Fronteiras'. No acto de inauguración estivo tamén presente o subdirector xeral do Retorno e da Inmigración, Antonio Aguarón Turrientes.

Antes de dar comezo ás xornadas, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, recibiu esta mañá aos relatores dos distintos obradoiros que se van desenvolver. Entre eles, a agregada de Educación da Embaixada en España do Reino de Marrocos, Zoubaida Ben Haddad; a coordinadora de 'Obxectivos do Milenio de Nacións Unidas' para España, Marina Navarro; representantes do Centro de multiservicios educativos (CEMSE) e do CEPJA, ambos de Bolivia; do Centro cultural Poveda (República Dominicana); da Fundación del Viso (Arxentina); e un grupo de docentes da Universidade de Santiago de Compostela. O conselleiro puido charlar con eles, interesarse polos seus proxectos, e amosarlles a súa satisfacción pola súa presenza en Galicia co gallo deste evento.

Ata mañá reuníranse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, máis de 400 docentes e orientadores de todos os niveis educativos co obxectivo de intercambiar experiencias e resolver dúbidas metodolóxicas sobre como afrontar a educación inclusiva nos centros escolares galegos, de tal forma que o alumnado aprenda a entender as diferenzas culturais ou sociais con respecto aos seus compañeiros como un elemento enriquecedor.

Proxectos de cooperación

Ademais de conferencias e obradoiros, o Palacio de Congresos acolle unha exposición de iniciativas de ONG's de toda Galicia, que aproveitan as xornadas para presentar os seus diversos proxectos de cooperación, nomeadamente aqueles directamente relacionados coa educación para o desenvolvemento e do acceso á escolarización en igualdade de condicións.

Neste marco, a ONG InteRed -coorganizadora do evento- presentou a campaña 'Educar sumando, á fórmula do cambio. A educación inclusiva, motor do desenvolvemento humano', coa que pretenden sensibilizar á comunidade educativa e á sociedade nos eu conxunto da necesidade de adquirir un compromiso cidadá para camiñar cara a unha sociedade que inclúa a todos os seus membros. A iniciativa vaise desenvolver en centros escolares de toda Galicia nos que, a través de materiais didácticos multimedia, se vai promover a cooperación ?en substitución da competición- , de tal modo que se garanta que todo o alumnado, independentemente da súa orixe socioeconómica e cultural, teñan as mesmas oportunidade de aprendizaxe en calquera contexto educativo.

Hoxe desenvolveranse varios relatorios nos que se analizarán proxectos de educación inclusiva nos países de orixe do alumnado inmigrante. Dentro deste programa, a Directora do Consello da Cultura da República Dominicana, Dinorah García Romero, fará un achegamento á 'Educación inclusiva: un desafío antes as desigualdades educativas e sociais'; para deixar paso á mesa redonda 'Sociedade e Educación nos países de procedencia'.

Neste relatorio terán voz figuras de relevancia como a agregada de Educación da Embaixada en España do Reino de Marrocos, Zoubaida Ben Haddad, que presentará o Programa Hispano Marroquí de Lingua Árabe e Cultura Marroquí (LACM); e a directora da área de Educación de Casa Asia, Eva Borreguero, que explicará os principios básicos de 'Escuela de Bambú', un proxecto de educación intercultural centrado en amosar a riqueza do patrimonio social, cultural e social do continente asiático. Ademais, a coordinadora do programa 'Obxectivos do Milenio de Nacións Unidas' (ONU) para España, María Navarro, expuxo as liñas fundamentais deste proxecto transnacional.