O conselleiro de Educación recibiu a Abel Caballero para analizar a situación dos centros educativos de Vigo e comarca

No encontro abriuse a posibilidade de establecer un convenio de colaboración para acometer obras reforma e construción de novos colexios e institutos na cidade

Lun, 23/11/2009 - 14:09

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, valorou positivamente o encontro mantido hoxe co alcalde de Vigo, Abel Caballero, no que fixeron unha análise pormenorizada da situación dos centros educativos da cidade olívica.

En declaracións aos medios, Xesús Vázquez Abad explicou que na reunión se abrira a posibilidade de establecer un convenio de colaboración co Concello, para dar resposta a todas as necesidades dos centros escolares. "Para nós a cidade de Vigo é un dos nosos obxectivos prioritarios" reiterou o conselleiro, lembrando que os Orzamentos de 2010 destinan 8,6 millóns de euros a construción de novos centros, o que supón un incremento de case 5 millóns con respecto ao ano anterior. Ademais, indicou que existe unha importante partida específica para traballos de reforma, ampliación e mellora nos colexios e institutos, mostra de que desde a Consellería de Educación "somos conscientes destas demandas", dixo Vázquez Abad. De feito, a actual Consellería investiu xa arredor de 1,5 millóns de euros neste tipo de obras e, a curto prazo, comezaranse a acometer outros traballos. O obxectivo, reiterou Vázquez Abad, é que "nesta lexislatura poidamos ter rematado este proxecto educativo para a cidade de Vigo e toda a súa comarca".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou así mesmo a reunión como "moi cordial e moi positiva", e mostrouse de acordo coa opción de manter unha colaboración coordinada para dar resposta ás necesidades dos centros educativos de Vigo.

CEIP de Altamar

Durante o encontro, conselleiro e alcalde seguiron a traballar na definición do futuro CEIP de Altamar. Neste momento, a Consellería de Educación está á espera de que o Concello lle ceda os terreos para poder construír o novo colexio, mantendo o seu compromiso de que o alumnado poida gozar das novas instalación canto antes.

Pola súa parte, Abel Caballero explicou que o Concello está a estudar a ubicación do devandito centro, xa que existe "unha dificultade real e obxectiva para encontrar o solo para o novo edificio. É unha cuestión que -asegurou- temos que analizar moi a fondo".