A Consellería de Cultura e Educación fomenta a innovación educativa a través do novidoso Plan Proxecta

Con esta iniciativa búscase impulsar a innovación educativa a través de programas das diferentes consellerías que promovan o traballo colaborativo e por proxectos nos centros

Deste xeito a Xunta volve a recoñecer o traballo realizado polos docentes a través da realización de actividades que desenvolvan as competencias básicas e a educación en valores

Ven, 31/08/2012 - 14:21
A Consellería de Cultura e Educación fomenta a innovación educativa a través do
A Consellería de Cultura e Educación fomenta a innovación educativa a través do novidoso Plan Proxecta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases para a participación no Plan Proxecta para fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan de xeito paralelo as competencias básicas e a educación en valores.

O Plan Proxecta busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo e colaborativo do alumnado e do profesorado que participa neles. Deste xeito, o plan busca construír modelos de traballo que teñan un alto potencial de transferibilidade tanto no centro que os impulse como no resto da comunidade educativa.

Obxectivos

Un dos principais obxectivos do Plan Proxecta é fixar uns criterios organizativos e metodolóxicos comúns que optimicen a eficacia innovadora dos programas educativos nos centros. Deste xeito a Consellería establece un marco xeral de colaboración entre os organismos con programas dirixidos aos centros educativos e fixa unha serie de eixes e liñas estratéxicas compartidas. Isto busca mellorar a integración dos programas na planificación anual dos centros, crear unha necesaria rede de traballo colaborativo, recoñecer o traballo e o esforzo desenvolvido polos docentes e divulgar as súas boas prácticas profesionais a través das canles dixitais da Consellería.

Esta nova iniciativa publicada no DOG ofrece ao profesorado dos centros públicos galegos 18 programas das Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Medio Rural e do Mar, Economía e Industria, Sanidade e Traballo e Benestar, así como da Dirección Xeral para o Deporte, dependente da Presidencia da Xunta. A súa duración pode estenderse durante medio ano ou ao longo dun curso escolar e van dirixidos a todos os niveis educativos. A solicitude realízase mediante a aplicación telemática Plan Proxecta (http://www.edu.xunta.es/planproxecta), aloxada na sección de servizos da páxina web da Consellería, onde tamén se pode obter máis información no enderezo /portal/planproxecta .

Deste xeito a Consellería de Cultura e Educación da un paso adiante na optimización dos recursos que chegan aos centros en prol do fomento da innovación educativa ao mesmo tempo que recoñece a labor e o esforzo do profesorado e difunde o seu traballo para o beneficio de toda a comunidade educativa galega.