O director xeral de Educación entrega os diplomas acreditativos aos integrantes dun dos programas contra o abandono escolar que se acolleron á liña de axudas convocadas pola Consellería

O curso dirixido a maiores de 18 anos, para a obtención do título en graduado da ESO e impartido en Porto do Son, acolleuse á convocatoria destinada pola Consellería aos entes locais, que foi resolta no DOG por un importe de máis de 1.300.000 euros para 132 concellos

Xov, 27/09/2012 - 17:05

A Consellería de Cultura, Educación, Ordenación Universitaria, representada no directora de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira entregou hoxe 35 diplomas acreditativos aos rapaces do municipio de Porto do Son que participaron nun dos programas contra o abandono escolar realizados polos entes locais. No acto tamén estiveron presentes diferentes representantes do ente municipal do concello coruñés.

En concreto a actividade, que durou en torno a cinco meses, tiña como obxectivo que os asistentes lograran o título en graduado en Educación Secundaria, a través da liña de axudas convocada pola Consellería para este fin. A resolución desta convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 11 de xullo, por un importe de máis de 1,3 millóns de euros, destinados a 132 concellos.

Éxito escolar e redución do abandono temperán

Esta iniciativa desenvolveuse co obxectivo de favorecer o desenvolvemento dun programa de actividades que conseguira proporcionar unha formación integral ao alumnado e, ao mesmo tempo, a promoción do esforzo compartido de toda a comunidade educativa na procura do éxito escolar e na redución do abandono temperán dos estudos.

Ademais dos cursos preparatorio para a obtención dos títulos de graduados na ESO os concellos galegos programaron actividades nas que se incidiu sobre as causas do abandono escolar e facilitar así que as mozas e mozos que abandonaron o sistema educativo poidan reinserirse no sistema educativo, e mesmo prepararse para as probas de obtención do graduado en educación secundaria obrigatoria ou para incorporarse a estudos de formación profesional de grao medio ou de bacharelato.