Política Lingüística colabora co certame ''O galego é...'' para fomentar a lingua galega entre menores tutelados pola Xunta

A mostra amosa a visión sobre a lingua e a cultura galegas dos rapaces e rapazas do programa Mentor

Ven, 04/12/2009 - 08:27
Aeroxerador
Aeroxerador

O centro comercial Área Central de Santiago de Compostela acolle desde hoxe e ata o día 9 deste mes a exposición ''O galego é...''. Trátase dunha mostra fotográfica que amosa a visión sobre a lingua e a cultura galegas de dezaseis rapaces do programa Mentor, un proxecto que xestiona o Instituto Galego de Xestión para o 3º Sector (IGAXÉS-3) e que ten como fin formar, orientar e facilitar a inserción laboral destes mozos e mozas de entre 16 e 18 anos tutelados pola Xunta de Galicia.

A entrega de premios aos gañadores do certame ''O galego é...'' e mais a inauguración da exposición coas 46 imaxes dos participantes tiveron lugar hoxe no centro comercial de Área Central de Santiago de Compostela. No acto participaron o director de IGAXÉS-3, Carlos Rosón; o presidente desta entidade, Luis Barreiro; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal; e a xefa de servizo de atención a menores en conflito social da Secretaría Xeral de Familia e Benestar, Ángeles González.

Fomentar o galego entre os máis novos

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo colaborou no certame ''O galego é...'' a través da convocatoria a entidades sen fin de lucro para promocionar a lingua propia de Galicia nas áreas de transmisión familiar e mais na mocidade. Trátase dun concurso que busca a posta en valor e a reflexión da xuventude sobre a lingua e a cultura galegas, así como o fomento da integración social e comunitaria dos participantes. A Xunta de Galicia tamén colaborou neste certame a través da Secretaría Xeral de Familia e Benestar.

As obras gañadoras

As obras gañadoras do concurso, no que participaron rapaces e rapazas de Galicia e de países como Guinea Ecuatorial, Marrocos ou Brasil, foron Pesqueiros, galardoada co primeiro premio e que recolle a imaxe de varios barcos de pesca no porto de Vigo; O novo enxebre, que recibiu o segundo premio e conxuga elementos da tradición e do futuro de Galicia; e O Entroido, obra á que se lle concedeu o terceiro premio e que representa unha das festas máis características da comunidade galega. Ademais, debido á alta participación e mais á calidade das imaxes, o xurado outorgoulles dous accésits ás fotografías Galicia país de mil ríos e A cruz dos caídos.

Menús News node R