O IES Xesús Taboada Chivite, de Verín, acolle a exposición interactiva sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro organizada pola Consellería de Cultura e Educación

Logo do seu paso por bibliotecas de toda Galicia no primeiro semestre do ano, a mostra sobre o poeta de Celanova está itinerando por diversos centros de ensino secundario das catro provincias

A Secretaría Xeral de Cultura, no seu obxectivo de achegar a obra de Celso Emilio Ferreiro a toda a cidadanía, tamén promoveu dúas unidades didácticas interactivas adaptadas aos niveis educativos de primaria e secundaria

Ven, 23/11/2012 - 11:56
O IES Xesús Taboada Chivite, de Verín, acolle a exposición interactiva sobre a v
O IES Xesús Taboada Chivite, de Verín, acolle a exposición interactiva sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro organizada pola Consellería de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ao IES Xesús Taboada Chivite, de Verín, a exposición interactiva sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro, enmarcada nas actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta. A mostra, que xa está aberta ao público neste centro, poderá visitarse no IES ata o vindeiro 30 de novembro.

Grazas a esta exposición, os estudantes poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro. Ademais, xunto coa instalación multimedia, tamén se exhiben algúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.

Esta mostra interactiva, que está percorrendo centros educativos das catro provincias galegas, visitará proximamente o IES Lauro Olmo, do Barco de Valdeorras; e o IES de Celanova, vila natal do autor, onde se clausurará esta exposición no mes de decembro.
Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor, http://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.

Un enfoque interactivo e lúdico para achegarse a Celso Emilio

No seu obxectivo de achegar a obra de Celso Emilio Ferreiro a toda a cidadanía, a Secretaría Xeral de Cultural tamén promoveu a realización de dúas unidades didácticas interactivas sobre o poeta adaptadas aos niveis de primaria e secundaria. As novas unidades didácticas están dispoñibles no espazo Abalar da Consellería de Cultura e Educación, en http://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazos/recursos. Ambas as dúas, cunha mesma estrutura e metodoloxía, repasan a vida e obra do poeta celanovés a través de seis etapas vitais diferentes, con textos descritivos e propostas de actividades lúdicas interactivas que os introducen tamén na súa creación poética.

A superación dos diferentes retos en forma de dameiros, chuvias de palabras e cuestionarios permítenlle ao alumno ir sumando puntuación como elemento de motivación para superar novas probas. No desenvolvemento destas actividades os participantes acceden a fotografías do autor, os seus textos orixinais e mesmo á voz de Celso Emilio recitando os poemas da súa autoría.

Menús News node R

Colectivo

Tema