Cultura e Educación recoñece o traballo de 40 estudantes de secundaria cos premios extraordinarios ao rendemento e ao esforzo e superación persoal

A Consellería acaba de resolver a convocatoria pola que se conceden os galardóns correspondentes ao curso 2011/2012

Sáb, 05/01/2013 - 10:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de recoñecer o labor diario de 40 estudantes de ensino secundario coa concesión de 20 premios extraordinarios ao rendemento e de outros 20 ao esforzo e superación persoal. Os galardoados son estudantes que durante o ano académico 2011/2012 cursaron cuarto da ESO no réxime ordinario en calquera dos centros educativos galegos.

Con estes premios a Consellería de Educación quere fomentar entre o alumnado a cultura do esforzo no estudo, reforzando aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo, e xuntando excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Esforzo e superación

Coa convocatoria de premios ao esforzo e á superación persoal recoñécense e valóranse publicamente os comportamentos excepcionais do alumnado dos niveis da educación básica, co fin de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrado. Así, os gañadores son alumnas e alumnos que merecen un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar e sociocultural.

Neste apartado resultaron premiados 9 alumnos da provincia da Coruña, 5 da provincia de Lugo, 2 da de Ourense e 4 alumnos da provincia de Pontevedra.

Rendemento académico

Respecto da modalidade de rendemento académico, os candidatos debían contar cunha media nas cualificacións dos catro cursos da ESO igual ou superior a 9 puntos, ademais de superar unha proba específica para acadar o premio. Neste proba, estruturada en dúas partes, valoráronse os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, a través de cuestións referidas ás materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas; e unha a escoller de entre física e química, música, bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, tecnoloxía ou latín.

Nesta modalidade resultaron premiados 2 alumnos da provincia de Ourense, dos centros IES As Lagoas e CPI Terras de Maside; 4 alumnos da provincia de Lugo, dos centros IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes, IES Santiago Basanta Silva (Vilalba) e IES Pedregal de Irimia (Meira); 9 alumnos da provincia de Pontevedra, do IES Frei Martín Sarmiento, IES Sánchez Cantón, IES Gonzalo Torrente Ballester - os tres da cidade de Pontevedra- do IES Carlos Casares (Vigo), IES María Soliño (Cangas), colexio Los Sauces (Mos), IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), e colexio plurilingüe Las Acacias (Vigo); e 5 alumnos da provincia da Coruña, do colexio plurilingüe La Salle e colexio Manuel Peleteiro, ambos de Santiago de Compostela e colexio plurilingüe Compañía de María (A Coruña).