Diego Anido inicia unha residencia artística no Centro Dramático Galego co apoio da Consellería de Cultura e Educación

O performer galego afincado en Barcelona desenvolverá na nave técnica da Agadic e no Salón Teatro parte do traballo de creación do seu vindeiro espectáculo, Symon Pédícrí

O proxecto é unha coprodución entre a sala catalá El Graner e o Festival Alt, que amosará parte do proceso de creación, en distintos formatos, o 2 de marzo en Santiago e o 8 en Vigo

Lun, 18/02/2013 - 11:03
Diego Anido inicia unha residencia artística no Centro Dramático Galego co apoio
Diego Anido inicia unha residencia artística no Centro Dramático Galego co apoio da Consellería de Cultura e Educación

O artista escénico Diego Anido inicia hoxe unha residencia no Centro Dramático Galego (CDG) como parte do traballo de creación do seu vindeiro espectáculo, Symon Pédícrí, para o que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A compañía pública participa no acompañamento ao proceso previo á estrea da montaxe, coproducida polo espazo El Graner (asociado ao Mercat de les Flors e ao programa Fábricas de Creación de Barcelona) e o Festival Alt de Vigo, que incluirá a mostra ao público galego dun adianto do resultado acadado.

O galego Diego Anido desenvolve a súa traxectoria profesional en Barcelona vinculado á compañía de Andrés Corchero e dentro da Agrupación Señor Serrano, caracterizada pola creación contemporánea multidisciplinar a través da mestura da tecnoloxía audiovisual co teatro, a danza, a instalación e a manipulación de obxectos. En paralelo realiza tamén unha intensa actividade como creador en solitario dos seus propios proxectos, que adoita levar á escena como único intérprete dunha linguaxe complexa e moi persoal que se serve do texto, da música, da acción e do seu propio corpo para plasmar propostas de difícil tipoloxía, próximas á performance.

Symon Pédícrí, que veu xestándose a través de estadías previas en El Graner e en Bos Aires (dentro do programa Iberescena), levará a cabo agora dúas semanas de traballo en Santiago de Compostela. A primeira delas desenvolverase na nave de servizos escénicos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), onde se achegarán materiais de luminotecnia e de son para os axustes técnicos da produción e se avanzará nos aspectos interpretativos. Na segunda, xa sobre o escenario do Salón Teatro, incorporaranse o iluminador e o sonidista.

Público mecenas

Dentro da colaboración do CDG no proxecto ofrecerase unha mostra ao público do traballo escénico desenvolvido, que terá lugar o sábado 2 de marzo ás 20.30 horas no Salón Teatro. Os espectadores que accedan ao patio de butacas asumirán o rol de micromecenas do  espectáculo mediante o pagamento do prezo das localidades, que será inferior ao habitual e se destinará directamente a sufragar parte dos custos da produción.

A sesión pública no Salón Teatro consistirá na escenificación do núcleo do espectáculo no momento actual de creación no que se atopa, ao longo duns 30 minutos de actuación en solitario de Diego Anido.

Incluirá tamén un coloquio entre os asistentes e o artista para explicar as claves desta proposta que parte do personaxe de Symon Pédícrí, un dos últimos descendentes dunha familia dedicada á cría e mellora das razas equinas, que utiliza os seus coñecementos científicos para dar un paso máis alá: crear un novo ser que supere a súa imaxe e semellanza.

O Festival Alt, que se celebra en Vigo do 6 ao 10 marzo, tamén presentará esta iniciativa, aínda que cun formato diferente. Será o día 8 na sección denominada Alt-Procrea, dentro dun programa cuádruplo comentado e compartido coas bailarinas Nuria Sotelo, Estela Lloves e Mercé de Rande, no que Diego Anido protagonizará un showcase de non máis de 15 minutos de Symon Pédícrí.

Esta é a segunda colaboración que o Centro Dramático Galego establece con Diego Anido e o seu universo creativo, xa que en 2008 coproducira o espectáculoCascuda, reestreado despois no marco do Festival Grec de Barcelona en 2011.