Cultura e Educación reúne a 140 docentes nas 'V Xornadas de lingua e literatura. Comunicación e Linguaxe’

O encontro ofrece ao profesorado das áreas de lingua e literatura galega e castelá un espazo de reflexión e diálogo arredor de diversas focalizacións teóricas e metodolóxicas

Ven, 22/02/2013 - 17:23
Manuel Corredoira nas xornadas de Lingua e Literatura. Comunicación e Linguaxe
Manuel Corredoira nas xornadas de Lingua e Literatura. Comunicación e Linguaxe

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne a 140 docentes nas ‘V Xornadas de Lingua e Literatura. Comunicación e Linguaxe’, que se celebran hoxe e mañá na Escola Galega de Administración Pública baixo a organización do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). A actividade, dirixida ao profesorado das áreas de lingua e literatura galega e castelá, forma parte das organizadas polo departamento educativo da Xunta de Galicia no marco da súa aposta pola formación permanente dos docentes como peza fundamental da calidade do ensino.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; inaugurou hoxe o encontro, que arrincou cun relatorio do profesor e xornalista Xosé Ramón Pousa Estévez arredor das técnicas para conseguir unha comunicación docente eficaz. O programa desta primeira xornada complétase coa celebración de obradoiros simultáneos entre os cales os asistentes poderán escoller o do seu maior interese.

O sábado pola mañá será a quenda da exposición de boas prácticas, un achegamento á experiencia concreta do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz, Lugo)arredor da exposición oral. Nesta actividade o director do instituto, Antonio Frade, explicará como no seu centro se puxo en marcha un sistema de traballo e avaliación para impulsar o dominio da lingua oral, cuestión fundamental para afrontar con éxito o acceso ao mercado laboral. O resto da xornada dedicarase, de novo, á celebración de obradoiros simultáneos ata o peche da actividade.

Con este encontro a Consellería ofrece aos docentes un espazo de reflexión e diálogo arredor de diversas focalizacións teóricas e metodolóxicas, co fin de desenvolver as súas competencias no tocante ao lingüístico-comunicativo, fundamentais no eido social-relacional, convivencial intre e interpersoal.

Obradoiros

As ‘V Xornadas de Lingua e Literatura. Comunicación e Linguaxe’ ofrecen aos docentes 7 obradoiros diferentes nos que poderán participar ao longo da tarde do venres e de toda a xornada do sábado. Impartido por Antonio Cabanas, do Ximnasio Ritmos, ‘O baile como vehículo de expresión’ contribuirá a que os participantes tomen conciencia da posibilidade expresiva do movemento rítmico, aprendendo a recoñecer e interpretar os xestos codificados e expresións habitualmente utilizados. A música tamén estará presente como vehículo de comunicación no taller impartido por Clara Pino, do IES Arcebispo Xelmírez I, quen fará un percorrido sobre a música como linguaxe comunicativa universal ao longo das distintas etapas históricas, así como no cine e na publicidade.
En ‘Necesitamos presentación creativas’, Xosé M. Dopazo - IES Plurilingüe Maruxa Mallo- explicará domo diferenciar os distintos niveis de xeneralización da información importante para acadar unha narración simple, concreta e comunicativa á par que interesante. Pola súa parte, Cristina Puga e Ana Mª Mariño, do CFR de Vigo, amosarán as posibilidades das redes sociais como recurso didáctico en ‘enREDando cos libros e as TIC’.

A oferta de actividades complétase cun obradoiro de iniciación á lingua de signos e achegamentos ás persoas xordas impartido por Ana Miguéns e David Fernández - Galensigna-; outro arredor de exercicios de coidado da voz, prevención e tratamento das disfonías, da man de Mª José Fiuza (USC); e con ‘Comunicación non verbal: impacto persoal, empatía e xestos delatores na aula’, no que Begoña Jamardo (Escola de Negocios Novacaixagalicia) explicará como observar e interpretar adecuadamente os sinais non verbais na aula para reconducir a estratexia de comunicación.

Menús News node R