Cultura e Educación convoca ‘Imaxina cantares!’, un concurso audiovisual dirixido a equipos de dinamización da lingua galega

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe a iniciativa, que se enmarca nas accións coas que a Xunta de Galicia conmemorará o 150.º aniversario da publicación da obra inaugural do Rexurdimento galego

A el poderá concorrer alumnado de centros de ensino de titularidade pública, coordinado por profesorado pertencente ao EDLG

Establécense seis premios en tres categorías e unha certificación de Premio de Innovación Educativa aos docentes que coordinen as pezas audiovisuais galardoadas

Lun, 25/02/2013 - 13:37
O secretario xeral de Política Lingüística presentou o certame
O secretario xeral de Política Lingüística presentou o certame

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convoca o concurso Imaxina Cantares!. A iniciativa, dirixida aos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) dos centros de ensino galegos de titularidade pública, enmárcase nas accións coas que a Xunta de Galicia se suma á conmemoración do 150.º aniversario da publicación de Cantares Gallegos, obra inaugural do Rexurdimento galego.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa as bases do certame. Acompañouno Xulia Marqués Valea, coordinadora central dos EDLG. Segundo explicou García Gómez,  “os centros poderán concorrer baixo tres modalidades: educación infantil ou primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais de idiomas, artísticas e musicais. Terano que facer por medio dos EDLG e presentando unha peza audiovisual centrada nos Cantares Gallegos que cumpra as características técnicas requiridas.”

Contémplanse dous premios por modalidade e tamén unha certificación de Premio de Innovación Educativa para o profesorado coordinador das pezas gañadoras. O resto de profesorado participante recibirá un certificado de 8 horas de formación permanente. O prazo de presentación de proxectos está aberto ata o 22 de marzo e as bases completas pódense consultar no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/imaxina_cantares.

Lingua galega, literatura e TIC

Os obxectivos principais do certame Imaxina Cantares! son dinamizar a lingua galega entre o alumnado, achegar e dar a coñecer a figura e a obra de Rosalía de Castro, fomentar a creatividade en lingua galega e promover a súa presenza en diferentes espazos e soportes, nomeadamente no audiovisual, así como fomentar o traballo conxunto entre o alumnado.

Paralelamente, a iniciativa fomenta a lectura en lingua galega, a creatividade e a formación estética, así como o coñecemento da linguaxe audiovisual e das ferramentas TIC. Todo isto convérteo nunha opción moi completa e promotora da innovación educativa.

Esta acción está en liña con outras que centran as prioridades de traballo da Consellería e Educación, coma o fomento do hábito lector -que se desenvolve fundamentalmente a través do Plan LÍA 2012/2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe-, a promoción da sociedade da información –que se realiza fundamentalmente mediante o proxecto Abalar- ou o fomento do galego, que, nos centros educativos, se leva adiante, sobre todo, a través dos equipos de dinamización da lingua galega.