Cultura e Educación e a Fundación Laboral de la Construcción colaborarán para achegar a formación ás persoas adultas a través da apertura dunha nova aula en Teo

O espazo dará servizo ás persoas matriculadas no programa Aula Mentor que imparte o IES San Clemente

Mar, 05/03/2013 - 13:41
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o presidente da Fundación Laboral de la Construcción, Hipólito Trinidad Losada; asinaron hoxe un convenio de colaboración.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o presidente da Fundación Laboral de la Construcción, Hipólito Trinidad Losada; asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do que facilitarán o acceso á formación ás persoas adultas grazas á apertura dunha nova aula Mentor auxiliar nas instalacións da fundación na localidade coruñesa de Teo, destinada ás persoas que realizan cursos na mesma. O acordo enmárcase no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia co impulso da formación ao longo da vida, especialmente dirixida a aquelas persoas que non contan cunha titulación académica.

Tanto o conselleiro como Hipólito Trinidad cualificaron o acordo como un importante paso adiante para achegar ás persoas adultas os recursos necesarios para completar a súa formación, dado o valor da oferta formativa de Aula Mentor para actualizar o perfil profesional, potenciar o acceso ao emprego e aumentar a formación básica. Desta forma a nova aula supón incrementar os recursos postos a disposición da cidadanía para que, a través dos novos coñecementos adquiridos poidan mellorar a súa preparación para afrontar o actual contexto de crise.

Ao acto de sinatura asistiron, ademais, o subdirector de aprendizaxe permanente e ensinanzas de réxime especial, Juan Durán, o vogal do consello territorial da Fundación Laboral de la Construcción, Ricardo Santos e máis Ángeles González, ambos os dous en representación dos vicepresidente do consello territorial, Jesús Varela e José Manuel García; así como o xerente deste consello, Fernando García.

Equipamento para as titorías

A aula contará cos recursos técnicos e informáticos necesarios para que o alumnado matriculado nas ensinanzas que o IES San Clemente (Santiago de Compostela) imparte do programa Aula Mentor poida poñerse en contactos cos seus titores e titoras, así como para realizar as titorías telemáticas. Así mesmo, contará cunha persoa responsable, que desenvolverá as funcións de administración da aula, que será recoñecida pola Consellería como centros colaborador do IES San Clemente na formación de persoas adultas de Aula Mentor.

Pola súa banda, Cultura e Educación será a responsable da xestión administrativa do alumnado matriculado no que atinxe á xestión en liña da matrícula, a administración das probas presenciais, e a supervisión de todas as probas de avaliación, así como o pagamento das persoas responsables da titoría. Ademais, a Consellería será quen remita ao IES San Clemente as certificacións de aproveitamento do alumnado facilitadas de forma conxunta co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.

Aula Mentor en Galicia

Aula Mentor é un programa do Ministerio de Cultura, Educación y Deporte, de formación aberta, libre e a distancia a través de internet. A través del, ofrécense máis de 100 cursos en liña, con matrícula aberta e permanente e atención titorial cercana ao estudante a través dun titor a distancia que o guía, avalía e aconsella. Entre a variada oferta hai cursos de Electrónica Dixital, Nutrición, Xestión de Empresas, Turismo Rural, Teletraballo, Historia da Arte, Tributación, Contabilidade, ou Iniciación á Informática. Ao superar o curso, o alumno recibe unha certificación de aproveitamento emitida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación.

Neste momento están matriculadas neste programa en Galicia 336 persoas. Ademais do IES san Clemente, imparten o programa Aula Mentor os centros de educación de adultos EPA Santa María de Caranza (Ferrol), EPA Eduardo Pondal (A Coruña), EPA de Albeiros (Lugo), EPA de Ourense, EPA Río lérez (Pontevedra), EPA Berbés (Vigo); e os institutos IES Isidro PArga Pondal (Carballo), IES Campo de San Alberto (Noia), IES Monte Castelo (Burela), IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), IES García Barbón (Verín), IES de Rodeira (Cangas do Morrazo), IES Ramón María Aller Ulloa (Lalín) e o IES Armando Cotarelo Valledor. Ademais, a oferta formativa está dispoñible en centros, aulas auxiliares e centros colaboradores dos concellos de Abegondo, Bergondo, Boiro, Cee, Oroso, Santa Comba, Lugo e Valga.

Cómpre salientar que o instituto santiagués é,a demais, un referente na impartición de ensinanzas de educación secundaria e bacharelato para adultos a distancia.