O conselleiro de Cultura e Educación clausura o Salón Galego de Gastronomía e Turismo ‘Xantar’ 2013

Xesús Vázquez Abad salientou a imaxe de calidade de Galicia,” unha terra de acollida con novos recursos e novas ideas, das que gozamos nós, como habitantes desta terra, e que ofrecemos ás persoas que nos visitan”

Dom, 10/03/2013 - 16:14
Xesús Vázquez Abad na clausura de Xantar
Xesús Vázquez Abad na clausura de Xantar

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe a 14ª edición do Salón Galego de Gastronomía e Turismo, ‘Xantar’ 2013, cun acto no que salientou os importantes cambios experimentados por Galicia nas últimas décadas, nas que “desenvolveu proxectos que lle fornecen hoxe unha imaxe de calidade e dunha terra de acollida con novos recursos e novas ideas, das que gozamos nós, como habitantes desta terra, e que ofrecemos ás persoas que nos visitan”. Neste sentido o conselleiro valorou a incorporación dos produtos do noso campo e do noso mar “á creatividade desenvolvida polos nosos chefs, e tamén á que traen empresas que marcan a nosa personalidade coa súa oferta, ou emprendedores que experimentan novos camiños, desde uns trazos comúns que nos permiten identificalos como parte da nosa cultura actual”. “Hoxe - dixo- podemos sentirnos orgullosos de creadoras e creadores que inflúen nas correntes mundiais desde moi diferentes ángulos. O mesmo orgullo prodúcennolo os profesionais punteiros que se ocupan de lle dar luz nova ao sector gastronómico. Aquelas persoas que hoxe lle dan prestixio a este Xantar, e que atraen cara a Galicia un público desexoso de gozar dunha experiencia tranquila, agradable e única”.

A Consellería de Cultura e Educación participa directamente no salón ‘Xantar’ a través dun posto no que se ofrece información sobre a Formación Profesional e coa participación dos centros de ensino da provincia que imparten ciclos da familia da hostalaría nas actividades do Salón. O conselleiro quixo felicitalos polo seu labor xa que “neles están moitos dos futuros grandes profesionais que levarán aínda máis adiante a sona desta cociña, coa súa tradición xa recoñecida e a capacidade de evolucionar cos tempos que Galicia está a demostrar en todos os ámbitos”.

Así mesmo, Vázquez Abad transmitiu os seus parabéns á organización de ‘Xantar’ e ás entidades “que fixeron viable e posible un encontro desta calidade, que procura novos espazos para o desenvolvemento da nosa gastronomía”.

Obxectivos

O recinto de Expourense acolleu desde o 6 de marzo este salón que, nos seus 12.000 metros cadrados, recreou unha vintena de restaurantes co fin de exaltar as materias primas coas que traballa a hostalaría galega, así como facer unha aposta pola máxima calidade na prestación do servizo.

Entre os obxectivos de ‘Xantar’ 2013 cómpre salientar a divulgación da Vía da Prata e do Camiño Portugués; así como o fomento da cooperación iberoamericana, co gallo da participación de Perú como país convidado. O salón foi tamén plataforma para os produtos agrogandeiros e pesqueiros de calidade das distintas denominacións de orixe de Galicia, rexións convidadas e de Perú; ademais de divulgar os beneficios para a saúde da Dieta Atlántica.

No que atinxe á actividade turística, Xantar serviu tamén como escaparate dos atractivos culturais, naturais e históricos, ademais de gastronómicos, dos distintos puntos xeográficos promovidos por concellos, deputacións, padroados de turismo -entre outras entidades- de todo o Estado español e Portugal. Neste eido prestouse especial atención á presentación de destinos enogastroturísticos atractivos e ao reforzo da oferta gastronómica ligada ao turismo rural.

Expourense foi ademais o escenario dun amplo abano de actividades, tales como relatorios, presentacións literarias, obradoiros didácticos, cursos de cata ou degustacións gratuítas, coas que se consigue facer aínda máis atractiva esta cita para o público xeral.