Cultura e Educación presenta en Pontevedra un novo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro

O secretario xeral de Política Lingüística deu a coñecer o nº XXI dos cadernos editados polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, instituto de investigación pertencente ao seu departamento

O volume titulado “Correspondencia habida entre Xosé Mª Álvarez Blázquez e Isidoro Millán González-Pardo” ten como editor o profesor Cochón Touriño e está prologado por Xosé Mª Álvarez Cáccamo

Inclúe un texto do prerrexurdimento galego atopado entre a correspondencia de ambos os intelectuais e que se publica acompañado dun estudo da profesora Rosario Álvarez

Ven, 15/03/2013 - 20:30
 nº XXI dos cadernos editados polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en
Portada do nº XXI dos cadernos editados polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo titular do departamento de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer este serán no Museo de Pontevedra o XXI volume dos Cadernos Ramón Piñeiro titulado “Correspondencia habida entre Xosé Mª Álvarez Blázquez e Isidoro Millán González-Pardo”. O secretario xeral estivo acompañado neste acto por Xosé Luís Cochón, editor do volume; Luís Alonso Girgado, coordinador dos Cadernos Ramón Piñeiro; o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo  de Álvarez Blázquez e prologuista deste epistolario e mais Rosario Álvarez, autora do estudo filolóxico sobre o texto do prerrexurdimento galego incluído no volume. Á presentación asistiu tamén Rosina Otero Abalo, viúva de Isidoro Millán.

García Gómez destacou a nova achega do Centro Ramón Piñeiro e dos cadernos do mesmo nome ao coñecemento da nosa historia lingüística e literaria, tanto pola súa contribución ao esclarecemento das inquedanzas e da traxectoria de Álvarez Blázquez e de Millán González-Pardo, coma polo achegamento á figura de Xosé Ramón Franco Méndez, escritor do prerrexurdimento galego de quen se inclúe un texto neste volume.

Correspondencia entre Álvarez Blázquez e Millán González-Pardo

O XXI volume dos Cadernos Ramón Piñeiro “Correspondencia habida entre Xosé Mª Álvarez Blázquez e Isidoro Millán González-Pardo”, prologado polo escritor Xosé María Álvarez Cáccamo, recolle 31 cartas intercambiadas por estes dous intelectuais entre os anos 1961 e 1984, ademais doutras dúas entre Álvarez Blázquez e Ramón Piñeiro.

Nas misivas, os dous intelectuais comparten os seus proxectos culturais, as súas pescudas arredor da lingua e da literatura galegas e mesmo documentos do máximo interese, coma un texto do prerrexurdimento galego, extraído da novela Carnavales de Xosé Ramón Franco, que Álvarez Blázquez atopou no Museo de Pontevedra en 1968. A relevancia deste último texto, que era descoñecido na actualidade, levou o coordinador do volume a solicitarlle á profesora Rosario Álvarez un estudo sobre o mesmo que foi incluído no volume.

Os Cadernos Ramón Piñeiro

A colección dos Cadernos Ramón Piñeiro é o voceiro do proxecto de investigación homónimo que puxo en marcha a Xunta de Galicia no ano 2003. Dende esa data, publicáronse máis de vinte volumes dedicados ao pensamento e á cultura galegas.

É a primeira vez que os Cadernos se achegan á figura do poeta Xosé Mª Álvarez Blázquez.  Pola contra,  “Correspondencia habida entre Xosé Mª Álvarez Blázquez e Isidoro Millán González-Pardo” é o terceiro número que recolle o intercambio epistolar de Isidoro Millán con escritores relevantes da literatura galega. Previamente fora publicada a súa correspondencia con Ramón Piñeiro (volume XIII) e con Ramón Cabanillas (volume XVIII).

Menús News node R

Colectivo