Cultura e Educación apoia o labor da asociación de escritores en lingua galega a prol da dinamización lingüística e da promoción da literatura galega

O conselleiro Vázquez Abad e o presidente da AELG asinaron hoxe un convenio que inclúe diversas iniciativas de promoción e de proxección internacional da literatura escrita en galego

A Consellería colaborará coa actividade da AELG este ano cun total de 21.000 euros, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura

Mar, 02/04/2013 - 18:00
O conselleiro Vázquez Abad e o presidente da AELG asinaron hoxe un convenio que
O conselleiro Vázquez Abad e o presidente da AELG asinaron hoxe un convenio que inclúe diversas iniciativas de promoción e de proxección internacional da literatura escrita en galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impulsa a dinamización da lingua e da cultura galegas co seu apoio á Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Con este obxectivo, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad colaborará este ano coa actividade desenvolvida pola entidade cun total de 21.000 euros, a través das secretaría xerais de Política Lingüística e de Cultura.

Xesús Vázquez Abad e mais o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, asinaron esta tarde un convenio de colaboración para o ano en curso, en virtude do cal ambas as dúas entidades colaborarán para difundir, promover e proxectar fóra das nosas fronteiras a literatura escrita en galego.

No acto de sinatura tamén estivo tamén presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

VIII edición do ciclo ‘Escritoras/es na Universidade’

No marco do convenio asinado hoxe, a Secretaría Xeral de Política Lingüística apoiará á AELG no desenvolvemento da VIII edición do ciclo “Escritores na Universidade”, un foro de conferencias e de mesas redondas coas que autores/as de referencia da literatura galega actual achegarán unha vez máis os xéneros narrativo, poético e teatral á universidade para promoveren o uso do galego a través da literatura.

O programa inclúe para 2013 un total de tres mesas redondas arredor da narración, da poesía e do teatro, respectivamente, que terán lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e que se completarán con cadanseu coloquio aberto co estudantado.

Participación no seminario ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas’

Ademais, o convenio inclúe a participación da AELG na X edición do curso de formación continua “As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora”, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A AELG colaborará neste curso, que se desenvolverá do 9 de xullo ao 12 de xullo,  cun seminario centrado nos premios literarios e de ilustración.

Promoción exterior da lingua e da literatura galegas en Dublín e en Cáceres

A colaboración entre Cultura e Educación e mais a AELG promoverá tamén que cinco escritores/es da asociación se acheguen aos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de Cáceres e de Dublín -dependentes da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia- para participaren en proxectos de difusión exterior e de coñecemento da literatura en lingua galega, da man dos propios/as autores/as.

Dinamizar a lingua a través da literatura propia

A Consellería dálle así continuidade á súa aposta por implicar as entidades das letras galegas na promoción e no coñecemento dos autores e das obras que conforman o sistema literario galego, para impulsar a dinamización social da lingua propia de Galicia.

Amais deste convenio de colaboración, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o departamento dirixido por Vázquez Abad asinará tamén outro convenio de colaboración coa AELG a través da Secretaría Xeral de Cultura. Este departamento vén apoiando a entidade na realización de iniciativas como os Encontros Galeusca, onde se amosa a vitalidade creativa das culturas galega, vasca e catalá; o proxecto Polafía, que ten como obxectivo recuperar usos de creación musical e literaria de carácter popular; ou os Premios AELG, uns galardóns de especial transcendencia para a cultura galega.