Xesús Vázquez Abad presenta ‘Espello Deportivo’, que impulsará o uso do galego no deporte desde a Rede de Dinamización Lingüística

‘O obxectivo principal da Rede é a colaboración das diferentes administracións a prol dunha finalidade ben alta: a promoción da lingua galega’, dixo o conselleiro de Cultura e Educación hoxe no Gaiás

A Xunta de Galicia e as deputacións da Coruña e de Ourense apostan pola promoción do uso do idioma como valor do deporte de elite

Lun, 08/04/2013 - 14:21
Xesús Vázquez e José Ramón Lete na presentación no Gaiás de 'Espello Deportivo'
Xesús Vázquez e José Ramón Lete na presentación no Gaiás de 'Espello Deportivo'

O titular de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou ante os medios de comunicación este mediodía no Gaiás que arranca “Espello Deportivo”, un proxecto que “promoverá a lingua galega no ámbito, e a través do ámbito, do deporte, desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia”.

En palabras do propio conselleiro, “Tal e como recolle o Plan xeral de normalización da lingua galega, o deporte é, socialmente, un eido simbólico no que brillan as persoas ás que a emoción colectiva converte en representantes sociais e mesmo en ídolos persoais, de xeito que o uso do galego neste espazo dota a lingua de prestixio e contribúe a restarlle carga ideolóxica e mais a presentala como algo de todos e todas as galegas”.

Así expuxo os obxectivos cos que a Administración autonómica, a Deputación da Coruña e a Deputación de Ourense colaboran “a prol da lingua galega e da súa promoción, no marco da RDL, para estimular a galeguización do mundo deportivo e impulsar a súa proxección mediática mediante unha campaña de promoción do deporte galego como símbolo de Galicia na que deportistas de elite pidan unha maior identificación do deporte coa lingua galega”.

Pola súa banda, José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, a importancia do partenariado deporte-educación, en especial do papel dos deportistas para levar desde a súa experiencia á sociedade e aos escolares “a riqueza e as vivencias únicas que o deporte pode depararnos”. Neste sentido recordou que o Libro Branco do Deporte da Comisión Europea, sinala o deporte como ferramenta para o reforzo do capital humano de Europa, xa que os valores por el transmitidos “contribúen a desenvolver o coñecemento, a motivación, as capacidades e, por suposto, a disposición para o esforzo persoal”. No eido lingüístico sinalou o valor de “Espello Deportivo” para “asociar a nosa lingua cos valores do deporte e do Olimpismo e para contribuír a “identificar o uso do galego como símbolo natural e aséptico do noso país, o galego, lingua de todos e de todas”.

No acto de presentación participaron, canda Vázquez Abad e Lete Lasa, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Rosendo Fernández Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Zaira Rodríguez Pérez, deputada de Normalización Lingüistica da provincia da Coruña; Rebeca Domínguez Iglesias, concelleira de Normalización Lingüistica de Santiago de Compostela; Rubén Riós, responsable da empresa xestora do proxecto, Claqueta Coqueta; Sofía Toro, regatista olímpica; Juan Antonio Saavedra, tirador paraolímpico, e Chano Rodríguez, nadador paraolímpico.

Encontros de recoñecidos deportistas en escolas deportivas da RDL

“Espello Deportivo” constitúe un exemplo de colaboración interinstitucional, financiado pola Xunta de Galicia e as deputacións de Ourense e da Coruña, que desenvolve unha liña de traballo pertencente á programación de actividades deseñada pola Área Técnica da RDL no ano 2012. Con el, promoverase o uso da lingua no deporte, en colaboración coas entidades pertencentes á RDL, por medio de encontros de recoñecidos deportistas en escolas deportivas e noutros espazos municipais.

As sesións, que serán un total de 36 nas catro provincias galegas, comezan o vindeiro mércores, 10 de abril, na Casa da Cultura de Outes cun encontro co tirador olímpico Juan Antonio Saavedra, medalla de prata (en carabina libre a 50 metros tendido) nas pasadas olimpíadas de Londres 2012.

“Espello Deportivo” chegará tamén a Ames, Aranga, Arteixo, Arzúa, Bande, O Barco de Valdeorras, Barbadás, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Cambados, O Carballiño, Carral, Cee, Celanova, Corcubión, Ferrol, Mesía, Muxía, Ortigueira, Outes, Ourense, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Ribadavia, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Trives, Vilagarcía de Arousa, Verín, Viveiro e Xinzo de Limia.

Nestes encontros, que serán de balde e abertos a todas aquelas persoas interesadas en asistir, participarán, tamén, a regatista olímpica Sofía Toro (campioa olímpica de Londres 2012 en Match Race) e o nadador paraolímpico Chano Rodríguez (dobre prata -en 50 e 200 metros estilo libre- e mais bronce -en 100 metros libres- en Londres 2012).

Preto de 150 entidades impulsando conxuntamente o idioma

Con esta nova acción, a consellería de Vázquez Abad, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a darlle cumprimento ás liñas de traballoda RDL e a fornecer de actividades as preto de 150 entidades e institucións que, a día de hoxe, conforman o primeiro proxecto de cooperación, colaboración e coordinación posto en marcha pola Administración autonómica para impulsar conxuntamente iniciativas que redunden na normalización do uso do galego e na súa visibilidade e proxección social.

Mais información en www.xunta.es/linguagalega.