Cultura e Educación e mais a Universidade da Coruña ratifican a súa colaboración en prol da dinamización lingüística desde o ámbito universitario

Xesús Vázquez Abad e Xosé Luís Armesto Barbeito asinaron hoxe un convenio de colaboración grazas ao cal se desenvolverán numerosas iniciativas de formación, asesoramento e divulgación da lingua propia de Galicia

Mér, 17/04/2013 - 13:23
O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Unievrsitaria, Xesús
O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Unievrsitaria, Xesús Vázquez Abad, e mais o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto Barbeito, no acto de sinatura do convenio

O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Unievrsitaria, Xesús Vázquez Abad, e mais o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto Barbeito, veñen de ratificar a colaboración das dúas entidades en prol da dinamización lingüística desde o ámbito universitario. Fixérono por medio da sinatura dun novo convenio de colaboración para o ano 2013 que ten como finalidade impulsar o uso e a presenza da lingua propia de Galicia en todos os planos da actividade universitaria, no marco das competencias da UDC.

No acto, que tivo lugar nas dependencias administrativas da Xunta de Galicia en San Caetano, tamén estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

Actuacións conxuntas

Ao abeiro do convenio de colaboración asinado hoxe a UDC levará a cabo, durante o ano en curso e contando co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, un amplo programa de actuacións en materia de dinamización lingüística que engloba accións formativas dirixidas ao alumnado, ao profesorado e ao persoal de administración e servizos; convocatoria de premios; realización de xornadas e mais asesoramento lingüístico na realización de teses, traballos de fin de mestrado e proxectos de fin de carreira en lingua galega.

O convenio incide tamén na difusión do uso e da aprendizaxe do galego entre o alumnado foráneo, a través dos VI Cursos de verán para persoas estranxeiras, que se desenvolverán do 1 ao 24 de xullo de 2013 na Facultade de Filoloxía da UDC; así como no apoio á formación dos profesionais técnicos que traballan no ámbito da dinamización lingüística, que se materializará na realización, durante os vindeiros meses, do IX Curso de verán sobre dinamización lingüística e das X Xornadas sobre lingua e usos.

Dinamizar o galego desde as universidades

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa UDC e mais coas outras dúas universidades galegas, por medio de convenios, na posta en marcha de proxectos de iniciativas de promoción do uso do galego neste ámbito, tal e como sinalan as directrices do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia no ano 2004.

Ademais destes convenios anuais, a Xunta de Galicia participa canda elas -por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Universidades- na Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, creada no ano 2009 co fin de darlle cumprimento puntual á proposta do devandito PXNLG, para o ámbito do ensino, de creación dunha “comisión estable” que asumise a planificación e a coordinación da política universitaria en Galicia prevendo a participación nela das tres universidades e mais da Administración autonómica.