A Consellería de Cultura e Educación regula por primeira vez as ensinanzas deportivas de mergullo, dando resposta ás necesidades dun sector de gran implantación en Galicia

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao plan de estudos de técnico en mergullo deportivo con escafandro autónomo, unha titulación de nova creación

Xov, 18/04/2013 - 19:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dará un novo impulso ás ensinanzas deportivas a través da publicación do currículo do título de nova creación, de técnico en mergullo deportivo con escafandro autónomo. Así hoxe o Consello da Xunta deu o visto e prace ao novo currículo de título que procura a capacitación dos futuros técnicos deportivos en mergullo deportivo con escafandro autónomo para o desenvolvemento das súas funcións, a través da adquisición e perfeccionamento das súas competencias profesionais.

O establecemento deste currículo facilitará a formación de profesionais neste eido, cun equilibrio entre o carácter teórico e práctico, de maneira que o proceso de formación se vincule á realidade social e laboral no ámbito do mergullo deportivo con escafandro autónomo, un sector con moita implantación en Galicia.

Mergullo deportivo

As ensinanzas conducentes ao título de técnico deportivo en mergullo deportivo con escafandro autónomo contará con dúas especializacións, unha delas en mergullo en apnea e a outras en mergullo deportivo con escafandro autónomo infantil.

Ao final do ciclo formativo os titulados terán adquirido as competencias para organizar, adaptar, dirixir e impartir cursos para a obtención de titulacións de mergullador deportivo en augas abertas ata 5 atmosferas de presión; así como para organizar actividades de descubrimento de mergullo deportivo. Ademais, o ciclo capacitaraos para xestionar os recursos materiais necesarios e coordinar as actividades do persoal técnico, en condicións de seguridade e co nivel óptimo de calidade.

Os titulados desenvolverán o seu traballo no sector do mergullo deportivo, tanto nas administracións públicas como en entidades de carácter privado, en padroados deportivos, entidades deportivas municipais, federacións e clubs deportivos e sociais, escolas de mergullo, centros turísticos ou en empresas que oferten cursos para a obtención de títulos de mergullador deportivo e excursións para realizar inmersións. Así mesmo, poderán desenvolver a súa actividade en centros educativos e en empresas de servizos de actividades extraescolares que ofrezan bautismos de mergullo.

Neste sector poderán desempeñar, entre outras ocupacións, as de instrutor de mergullo, coordinador de actividades de centro turístico de mergullo, xefe de estudos de escola de mergullo, guía en inmersións de mergullo deportivo, monitor de «bautismos» de mergullo, ou mergullador de apoio e seguridade en cursos de formación e en competicións de deportes subacuáticos.