Cultura e Educación organiza unha acción formativa internacional sobre edificación e obra civil, enerxía e auga, instalacións e mantemento

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presidiu hoxe a inauguración das xornadas no CIFP Someso, un centro líder en bioconstrución e eficiencia enerxética

Ven, 19/04/2013 - 17:56
 Cultura e Educación organiza unha acción formativa internacional sobre edificac
Cultura e Educación organiza unha acción formativa internacional sobre edificación e obra civil, enerxía e auga, instalacións e mantemento

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, como representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presidiu hoxe no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Someso o acto inaugural das ‘I Xornadas de edificación e obra civil, enerxía e auga, instalación e mantemento’; unha acción formativa internacional que permitirá ampliar os coñecementos científicos e tecnolóxicos dos participantes na área da eficiencia enerxética. Na inauguración das xornadas, o director xeral estivo acompañado polo responsable do CIFP Someso, Félix Rodil Álvarez, e polo director do Centro de Formación e Recursos da Coruña, José Carlos Chas.  

Programación da acción formativa

O programa das xornadas inclúe diversas conferencias e mesas redondas. A conferencia inaugural, ‘Posta en marcha e funcionamento dunha gran passive house’, correspóndelle ao enxeñeiro en Ciencias Aplicadas Gunter Lindemann. Na xornada de tarde é a quenda do responsable da área de Edificación de EnergyLab, Juan Ignacio Rodríguez Fernández-Arroyo, cunha intervención que leva por título ‘Eficiencia enerxética en climatización mediante aproveitamentos xeotérmicos’.

Mañá sábado as xornadas continúan co catedrático do departamento de Enxeñería Enerxética e Mecánica e de Fluídos na Universidade de Sevilla, Servando Álvarez Domínguez, que abordará ‘Certificación enerxética e edificios de consumo de enerxía case nulo’. Finalmente, a acción formativa conclúe coa mesa redonda ‘Presentación de proxectos de innovación que se desenvolveron en centros de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia’, na que Juan Ramón Suárez, José Luís Vázquez Otero e Mª Luz Lorenzo Crespo presentan distintos proxectos do CIFP Someso, do IES Universidade Laboral e do CIFP A Xunqueira, respectivamente.

Os obxectivos destas xornadas son achegar información sobre as novidades técnicas nas áreas tratadas; fomentar as relacións co sector produtivo e empresarial; e fomentar o intercambio de experiencias docentes, ampliando deste xeito os coñecementos científicos e tecnolóxicos dos participantes.

Someso, unha institución e un referente

Someso é unha institución de referencia na ámbito formación profesional en Galicia desde hai máis de 50 anos. Entre outros aspectos, o centro amósase como un referente internacional en materia de bioconstrución, un sistema de edificación con gran futuro baseado nos postulados da responsabilidade medioambiental e do desenvolvemento sostible. O Grupo Bioconstrución Someso está integrado por un grupo de profesores do Departamento de Edificación e Obra Civil, na actualidade do CIFP Someso e anteriormente do IES Fernando Wirtz, que levan desde o ano 2000 traballando cos alumnos sobre bioconstrución e enerxías renovables.

No departamento de Edificación e Obra Civil do CIFP impártense os ciclos formativos de grao superior de ‘Realización e plans de obra’, ‘Proxectos de edificación’ e ‘Proxectos de obra civil’, así como o ciclo medio de ‘Construción’.

A rede de CIFP

A Administración educativa galega aposta polofortalecemento da rede de centros integrados, con amplasposibilidadeformativas. Neste sentido,aos 17centros existentes, que actualmenteofreceno 34% do número total de prazas nestas ensinanzas, hai que engadirlles outros dous, os centros A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense e As Mercedes de Lugo. Na actualidade a rede ampliouse até chegar aos 19 centros, unha aposta feita para dar a mellor resposta posible á maior demandade formaciónexistente entre o alumnado galego, así como coadxuvar ao impulso económico e á empregabilidade de cada zona.

Cómpre lembrar neste sentido a forte aposta que desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se vén facendo pola FP. A internacionalización e colaboración dos centros de formación galegos con institucións, empresas e profesionais doutros países contribúen á mellora da calidade da ensinanza, outorgando prestixio e proxección de futuro aos alumnos e profesionais do sistema de ensino público galego.