Cultura e Educación leva ‘A nena e o grilo nun barquiño’ e mais ‘As pombas de Carboeiro’ a Ribadumia, Outes e Cambados na fin de semana

As dúas actividades de promoción do uso do galego integran a nova edición de ‘FalaRedes’, que está xa a percorrer as localidades da Rede de Dinamización Lingüística

Sáb, 27/04/2013 - 13:00
Cultura e Educación leva ‘A nena e o grilo nun barquiño’ e mais ‘As pombas de Ca
Cultura e Educación leva ‘A nena e o grilo nun barquiño’ e mais ‘As pombas de Carboeiro’ a Ribadumia, Outes e Cambados na fin de semana

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a impulsar, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, as actividades de “FalaRedes” nas entidades locais adheridas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Esta fin de semana os concellos anfitrións son Ribadumia, Outes e Cambados, que entre o hoxe e mañá recibirán un dos espectáculos musicais que conforman a segunda edición deste programa de dinamización lingüística.

En “A nena e o grilo nun barquiño”, o público de todas as idades entrará nun mundo máxico e cheo de aventuras, no que os dous protagonistas descubrirán o seu propio interior a través das peripecias e das pezas musicais do autor Magín Blanco. Destinada ao público de todas as idades, a parte narrativa deste espectáculo musical reflicte os valores universais como a solidariedade, o respecto á natureza ou a identidade, acompañado de cancións en galego para seguir lembrando e cantando moito tempo despois de que caia o pano.

Nesta actividade, catro músicos interpretarán en directo as 13 cancións do espectáculo mentres que os actores da compañía “Teatro dos Ghazafelhos” representan as súas aventuras. O musical dálle continuidade á historia “A nena e  o grilo”, que percorreu os concellos galegos hai tres anos da man do programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística “Bocaberta”.

A veciñanza de Ribadumia poderá gozar desta oferta de lecer esta tarde, no Auditorio Municipal ás 18:00 horas. Mañá, domingo, o espectáculo trasladarase a Outes, cunha función ás 18:00 horas na Casa da Cultura. A duración aproximada da actividade é de 60 minutos e a entrada é libre ata esgotar o aforo.

As pombas de Carboeiro

A segunda das iniciativas que compoñen “FalaRedes” é a actividade musical, “As pombas de Carboeiro”. Nesta proposta, a compañía teatral Fantoches Baj recrea a historia de dous monxes residentes no mosteiro de Carboeiro que, botando man do enxeño, teñen que convencer ás tropas napoleónicas de que non sacien a súa fame coa familia de pombas mensaxeiras que habita nese emprazamento. Porén, os verdadeiros protagonistas deste espectáculo serán as bandas de música das localidades nas que se desenvolva, que acompañarán instrumentalmente as peripecias dos actores sobre o escenario.

A única función da fin de semana terá lugar no Auditorio da Xuventude de Cambados, o domingo ás 21:00 horas. Con esta actividade quérese achegar a dinamización da lingua galega á xente moza a través dos seus intereses e afeccións musicais.

100 actividades ata fin de ano

Estas dúas iniciativas, xunto con outras propostas nas que xa está a traballar a Consellería dirixida por Vázquez Abad e que se incorporarán ao programa nas vindeiras semanas, sumarán máis de 100 actividades de “FalaRedes” por toda a RDL, impulsando o uso do galego no tempo de lecer. Este obxectivo é o primordial do programa, que pretende cumprir coas directrices emanadas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a través de actividades que liguen a imaxe do galego a valores positivos e modernos da sociedade actual e, que ao mesmo tempo, reforcen o uso do galego entre galegofalantes e promovan modelos lingüísticos entre os castelanfalantes.

Toda a información sobre “FalaRedes” está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e tamén nas redes sociais.

Menús News node R