‘FalaRedes’ chega a catro concellos da Rede de Dinamización nas vésperas da celebración das letras galegas, da man de Cultura e Educación

Negreira, Melide, Oroso e O Barco de Valdeorras serán as localidades anfitrioas de ‘As pombas de Carboeiro’ e de ‘A nena e o grilo nun barquiño’ nesta fin de semana

Sáb, 11/05/2013 - 10:00
‘FalaRedes’ chega a catro concellos da Rede de Dinamización nas vésperas da cele
‘FalaRedes’ chega a catro concellos da Rede de Dinamización nas vésperas da celebración das letras galegas, da man de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva “FalaRedes” a catro concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia durante esta fin de semana, en vésperas da semana grande das Letras Galegas. “As pombas de Carboeiro” e “A nena e o grilo nun barquiño”, as dúas actividades postas en marcha no marco do programa de dinamización lingüística, chegarán a Negreira, Melide, Oroso e O Barco de Valdeorras para promover o uso do galego e a súa transmisión interxeracional e, asemade, ampliar a oferta de lecer en galego cargando a lingua de valores positivos e prestixiando o seu uso.

Promoción da lingua en colaboración coas bandas de música

Unha das propostas da segunda edición do exitoso programa de dinamización lingüística “FalaRedes” é “As pombas de Carboeiro”, un espectáculo multidisciplinar no que a acción dramática da compañía Fantoches Baj se combina coa interpretación en directo da banda de música municipal anfitrioa. Desta maneira, a mocidade entra en contacto co galego mediante a súa afección musical ensaiando previamente as pezas da obra e interpretándoas despois para o goce da súa veciñanza.

“As pombas de Carboeiro” narra a historia de dous frades que tratan de convencer ao exército napoleónico de que non sacie a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras do mosteiro de Carboeiro. A través do seu relato, interpretado coa técnica xaponesa do kamishibai, -cartolinas impresas, que se sucederán nunha xanela transportada por unha bicicleta-, o vello relixioso descubrirá a historia de amor imposible protagonizada por Cervela (correo de El-Rei Fernando II) e Octavia (a filla máis nova de Lupa de Lobarzán),  e que dará orixe á estirpe de pombas que habitan no mosteiro.

O sábado, esta iniciativa destinada ao público maior de 12 anos abrirá a fin de semana en Negreira, cunha función ás 20:00 horas no Auditorio Sociocultural. O domingo trasladarase a Melide, onde actuará ás 17:30 horas na Praza do Convento (ou, en caso de chuvia, no Pazo de Congresos).

‘A nena e o grilo nun barquiño’

A música é de novo a condutora do espectáculo familiar “A nena e o grilo nun barquiño”. As 13 cancións do autor Magín Blanco servirán para acompañar aos protagonistas desta particular aventura, pero tamén para que os máis pequenos continúen cantando moito tempo despois de que caia o pano. Nesta nova edición do espectáculo, que xa percorreu Galicia hai tres anos da man do programa de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística “Bocaberta”, a nena e o grilo adentraranse nun mundo máxico e cheo de aventuras, no que a solidariedade, o respecto á natureza ou a propia identidade van da man, construíndo un relato ideal para acudir en familia. O elenco desta acción está composto por catro músicos, que interpretarán en directo o repertorio da función mentres que os actores do “Teatro dos Ghazafelhos” representan as súas aventuras.

Este concerto musical destinado á xente miúda da casa abriu onte a fin de semana cunha función de serán na Casa da Cultura de Oroso. Hoxe será a quenda do Barco de Valdeorras, onde se poderá gozar a partir das 20:00 horas no Teatro Lauro Olmo.

Ata fin de ano estas dúas actividades e outras tres iniciativas nas que se está a traballar no marco da programación de “FalaRedes 2013” desenvolverán un total de 100 accións polos concellos da RDL.

Toda a información sobre “FalaRedes” está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e tamén nas redes sociais.

Menús News node R