O CEIP A.D.R.Castelao de Rianxo recibe o galardón do ‘Concurso-Exposición Letras Galegas 2013. Roberto Vidal Bolaño’, convocado por Cultura e Educación

‘Actor, autor e público do aquí’ foi o traballo gañador do certame co que a Consellería que dirixe Xesús Vázquez quixo facer partícipes os centros de ensino non universitario da súa titularidade da conmemoración das Letras Galegas e poñer en valor o coñecemento da obra de Roberto Vidal Bolaño no ámbito escolar

A colección de láminas, multidisciplinar e didáctica, difundirá en preto de 2.000 puntos de Galicia e de todo o mundo a produción teatral e escenográfica do dramaturgo compostelán, así como o contexto histórico e sociolingüístico no que viviu

O secretario xeral de Política Lingüística foi o encargado de entregar o premio durante un acto que se celebrou no propio centro

Mér, 15/05/2013 - 13:35
O CEIP A.D.R.Castelao de Rianxo recibe o galardón do ‘Concurso-Exposición Letras
O CEIP A.D.R.Castelao de Rianxo recibe o galardón do ‘Concurso-Exposición Letras Galegas 2013. Roberto Vidal Bolaño’, convocado por Cultura e Educación

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fíxolle entrega esta mañá do premio convocado no marco do “Concurso-Exposición Letras Galegas 2013. Roberto Vidal Bolaño” ao CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo. Por segundo ano consecutivo, a escola rianxeira recibe o galardón na modalidade de infantil e primaria, logo de acadalo tamén na convocatoria anterior polo proxecto “Valentín Paz-Andrade, galego de corazón”.

García Gómez destacou “a alta calidade do traballo co que o CEIP concorreu ao premio, un proxecto que reflicte a figura senlleira de Vidal Bolaño, excepcional dramaturgo, tanto polo que se refire á amplitude coma á calidade da súa produción, que o converten nun dos autores teatrais europeos máis importantes do último cuarto do s. XX e, en suma, no dramaturgo galego por excelencia”. En palabras do secretario xeral “Roberto é aínda moito máis ca un escritor e o seu compromiso coa lingua vai moito máis alá da xa non desdeñable aposta pola escrita monolingüe en galego, por ser un dos pioneiros do audiovisual galego e en galego”.

Home do teatro no sentido máis amplo da expresión

“O autor a quen homenaxean estas Galegas 2013 foi un home do teatro no sentido máis amplo da expresión (autor, actor, iluminador, director…) e, como tal, Bolaño tivo un papel destacado na construción dun teatro profesional que, mercé aos seus esforzos e aos da súa xeración, se instalou na lingua propia de Galicia e nela se desenvolve hoxe con total normalidade. A súa figura é un referente para todos nós, que nos anima a reforzar o noso compromiso coa lingua galega”, concluíu García.

O acto de entrega contou tamén coa participación do coordinador cultural provincial de Cultura e Educación, Manuel Varela Rey; do rexedor municipal, Adolfo F. Muíños Sánchez, e do director do centro, Daniel Weyner Malleiro. Amais, estiveron presentes nel o profesorado e alumnado do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e as coordinadoras central e provincial dos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG), Xulia Marqués Valea e Pura Galán, respectivamente.

O alumnado autor de “Actor, autor e público do aquí” tomou parte activa no acto dando conta, por medio dunha pequena peza teatral que incluíu dramatización de fragmentos da obra de Vidal Bolaño e Castelao con representación de monicreques, das dez láminas que conforman a mostra gañadora. O premio recibido polo CEIP foi de 2.500 euros, de acordo coas bases da convocatoria, e mais un diploma acreditativo.

As láminas, o díptico, a guía explicativa e o libro electrónico que conforman este proxecto están accesibles en www.xunta.es/linguagalega/Roberto_Vidal_Bolano#Rianxo.

Tamén materiais para ESO, bacharelato, FP e ensinanzas especiais

Logo de declarar o xurado do “Concurso-Exposición Letras Galegas 2013. Roberto Vidal Bolaño”  deserta a segunda das modalidades, –ESO, bacharelato, FP e ensinanzas especiais- a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Asociación Roberto Vidal Bolaño colaboraron na elaboración e edición de materiais didácticos específicos para o traballo nas aulas deses niveis educativos.

Os carteis, a guía explicativa e o libro electrónico da proposta feita pola Asociación Roberto Vidal Bolaño pódense ver e/ou descargar en www.xunta.es/linguagalega/Roberto_Vidal_Bolano#Secundaria.

Preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior desde os que festexar as Letras Galegas

Preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior –nomeadamente centros de ensino, centros de estudos galegos e lectorados, centros da emigración, bibliotecas nodais e municipais, servizos de normalización lingüística e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia- recibirán estes materiais co gallo das Letras Galegas coa finalidade de fomentar o achegamento a Roberto Vidal Bolaño e á súa obra.

Alén diso, o deseño da lámina número 10 (Acto X) “Actor, autor e público do aquí” é a imaxe do cartel que Velgalsa-Eroski acaba de distribuír en todos os establecementos da rede comercial da empresa con motivo da nova campaña conmemorativa das Letras Galegas 2013 implementada en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Complemento ás aulas de lingua e literatura galegas e ao labor dos EDLG

Tanto a través dos materiais que integran as mostras de infantil e primaria, como as de ESO, bacharelato, FP e ensinanzas especiais, quere tamén a Consellería fornecer de material complementario as aulas das materias de lingua e literatura galegas, ademais de facilitarlle ferramentas ao profesorado encargado da súa impartición, no marco dos currículos escolares.

Estas dúas exposicións, as guías didácticas que as acompañan e mais cadanseu libro electrónico están concibidos como materiais de apoio ao importante papel desenvolvido desde os EDLG a favor da aprendizaxe do galego, da promoción do seu uso e da súa valoración social. Pódense descargar, canda outros, desde o web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en: www.xunta.es/linguagalega/roberto_vidal_bolano.