‘A nena e o grilo nun barquiño’ celebra a fin de semana das Letras Galegas en Vilaboa e Bueu, da man de Cultura e Educación

O espectáculo musical gratuíto, que forma parte do programa ‘FalaRedes’, percorre os concellos da Rede de Dinamización Lingüística fomentando o uso do galego no tempo de lecer e a súa transmisión interxeracional

Sáb, 18/05/2013 - 09:30
 ‘A nena e o grilo nun barquiño’ celebra a fin de semana das Letras Galegas en V
‘A nena e o grilo nun barquiño’ celebra a fin de semana das Letras Galegas en V

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria suma o programa de dinamización lingüística “FalaRedes” aos festexos conmemorativos das Letras Galegas 2013 en dous concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, Vilaboa e Bueu. A eles chegará, entre hoxe e mañá, o espectáculo de dinamización lingüística “A nena e o grilo” do que poderán gozar, de balde, as familias con cativos de entre 3 e 11 anos.

Na iniciativa, a música do creador Magín Blanco acompaña as aventuras da nena e mais do grilo, a través dun mundo máxico e cheo de aventuras, no que se fomentan valores como a solidariedade, o respecto á natureza ou a propia identidade. A dramaturxia, xunto coa música e o colorido dos vestiarios e escenografía crea unha aureola máxica na que os máis pequenos entrarán en contacto co galego, cargándoo de valores positivos.

O elenco desta actividade está composto por catro músicos, que interpretan en directo o repertorio da función mentres que os actores do ‘Teatro dos Ghazafelhos’ representan as súas aventuras. As 13 cancións orixinais do espectáculo serviranlle aos máis pequenos da casa para seguir cantando en galego máis aló da función.

O espectáculo, ideal para acudir en familia, percorreu Galicia hai tres anos da man do programa de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística “Bocaberta” coa primeira edición de “A nena e o grilo”. A nova versión, na que só se manteñen os protagonistas, visitará esta fin de semana dous municipios das Rías Baixas, ampliando a oferta de lecer en galego e fomentando espazos de uso neste idioma, que celebra o seu día grande nesta semana. A primeira das citas será hoxe en Vilaboa, cunha función ás 18:30 horas na Casa da Cultura de Riomaior. Mañá, domingo, “A nena e o grilo nun barquiño” fará parada en Bueu, ás 19:00 horas no Centro Social do Mar.

A actividade está a ter un grande éxito e acollida desde a súa posta en marcha no marco de “FalaRedes”, o pasdo mes de abril. As veciñanzas de Carral, Ponte Caldelas, Outeiro de Rei, Cee, Ribadumia, Outes, Rois, Zas, Oroso, O Barco de Valdeorras e Vilaboa xa tiveron ocasión de gozar dela. A súa xira polos concellos da RDL rematará en xuño, logo de recalar nas 18 localidades incluídas no calendario.

“As pombas de Carboeiro” volven en outubro

Outra das propostas da segunda edición do exitoso programa de dinamización lingüística “FalaRedes” é “As pombas de Carboeiro”, un espectáculo multidisciplinar no que as bandas de música dos concellos anfitrións teñen un papel crucial no desenvolvemento da actividade. Acompañados da acción dramática da compañía Fantoches Baj, os músicos máis novos terán que ensaiar previamente todas as partituras do espectáculo para interpretalas despois ante toda a súa veciñanza, entrando en contacto co galego a través da súa maior afección.

A iniciativa narra a historia de dous hábiles frades que teñen que convencer ao exército napoleónico que non rille todas as pombas do mosteiro de Carboeiro durante a invasión francesa, combina técnicas dramáticas diversas, entre as que destaca a arte xaponesa do kamishibai.

Logo de actuar nos municipios de Vedra, Cambados, O Carballiño, O Rosal, Negreira e Melide, o espectáculo volverá despois do verán, retomando a xira polos concellos da RDL no mes de outubro. Durante todo este tempo, as distintas bandas irán recibindo as partituras para ir ensaiando as pezas musicais, coas que deberán acompañar en directo o espectáculo.

Ademais de “A nena e o grilo e un barquiño” e “As pombas de Carboeiro”, incorporaranse ao “FalaRedes 2013” novas propostas dinamizadoras coas que o programa chegará a desenvolver ata final de ano un cento de actividades  nos concellos da RDL.

Toda a información sobre “FalaRedes” está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e tamén nas redes sociais.

Menús News node R