Cultura e Educación achegaralles aos nenos a obra rosaliana no 150.º aniversario de Cantares Gallegos cunha nova actividade do programa ‘Falaredes 2013’

O secretario xeral de Política Lingüística presentou esta mañá a iniciativa ‘Rosalía Pequeniña’, que chegará a 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

Trátase dunha serie de concertos con entrada libre nos que a coñecida cantante Uxía Senlle, acompañada de Sérgio Tannus, interpretará para os cativos textos rosalianos con músicas pegadizas, variadas e actuais

Coa iniciativa ‘FalaRedes’ promóvese tamén a aprendizaxe e a valoración social da lingua en que se escribiron

Mar, 21/05/2013 - 14:04
O secretario xeral de Política Lingüística, na presentación do programa FalaRede
O secretario xeral de Política Lingüística, na presentación do programa FalaRedes, Rosalía pequeniña

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García, presentou hoxe “Rosalía Pequeniña”, unha nova acción das cinco que integran este ano o programa de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”. Fíxoo acompañado por Xulio Amigo, representante da empresa encargada da xestión da actividade, a editorial Galaxia, e mais por Uxía Senlle, compositora e intérprete das cancións que compoñen o espectáculo.

Valentín García expresou a súa satisfacción polo feito de que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) se sume con esta iniciativa á conmemoración do 150.º aniversario da publicación de Cantares gallegos, obra fundacional do Rexurdimento da lingua propia de Galicia a partir do século XIX. “Con Rosalía pequeniña”, afirmou, “miramos cara ao pasado, pero tamén cara ao presente e cara ao futuro, pois cumprimos o dobre obxectivo de honrarmos unha das nosas máis grandes figuras literarias e mais o de transmitírmoslles aos nenos e nenas unha imaxe positiva e actual da lingua galega”. Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística quixo destacar que “Rosalía pequeniña” está pensada para que os cativos canten en familia, durante e despois do concerto, textos en galego interpretados a ritmo de muiñeira, pero tamén de rock, de balada ou de blues.

Música para transmitir o galego en familia

“Rosalía pequeniña” consta de corenta concertos nos que a coñecida cantante Uxía Senlle, acompañada polo músico Sérgio Tannus,  interpretará para nenos e nenas diversos textos rosalianos musicados con melodías pegadizas, variadas e actuais. Os cativos gozarán dunha actividade agradable en familia que se desenvolverá en lingua galega e poderán continuar cantando no noso idioma unha vez que baixe o pano. Deste xeito, dáselles aos pais e nais unha nova ferramenta musical para usaren, aprenderen e transmitiren a lingua galega ás novas xeracións.

Os 40 concertos con entrada libre programados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolveranse a partir desta fin de semana nas seguintes localidades da RDL: na provincia da Coruña, A Baña, Betanzos, Brión, Cariño, Carnota, Dodro, Dumbría, Fene, Ferrol, Laxe, Lousame, Miño, Neda, Ponteceso, Sobrado dos Monxes, Teo, Toques e Val do Dubra; na provincia de Lugo, Carballedo, Palas de Rei, A Pobra de Brollón, A Pontenova, O Vicedo e Xove; en Ourense, Melón, Pontedeva e Xunqueira de Espadanedo e, en Pontevedra, Baiona, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo, Cuntis, Forcarei, A Lama, Marín, Mondariz-Balneario, Mos, Ponteareas, Pontecesures e Tui.

Esta fin de semana terá lugar o primeiro concerto en Pontecesures, ás 18:00 horas no Centro Social (Camiño de San Xulián, 4).

Rede de Dinamización Lingüística

A RDL é un espazo de colaboración a prol da lingua galega no ámbito local impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Son xa máis de 150 as entidades que a integran, nomeadamente concellos das catro provincias galegas, pero tamén deputacións, fundacións ou organismos coma o Consello da Cultura Galega.

O seu obxectivo último é favorecer a visibilidade social, o prestixio e o uso da lingua galega grazas a un marco estable de cooperación entre as administracións local e autonómica para a promoción planificada do noso idioma. A RDL programa accións conxuntas e, polo tanto, máis amplas e eficaces, ademais de constituírse nun espazo para compartir experiencias, materiais e información.

Menús News node R