Cultura e Educación reafirma o seu compromiso coa formación do profesorado como garantía dun ensino de calidade coa nova convocatoria de licenzas por estudos para docentes, por un importe de 1,5 millóns de euros

A mesa sectorial do ensino non universitario analizou hoxe esta orde, pola que se sacarán ata 361 prazas

Xov, 23/05/2013 - 16:53

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reiterou hoxe diante da mesa sectorial do ensino non universitario o seu compromiso coa formación do profesorado como garantía para a mellora da calidade do ensino e da excelencia, a través dunha nova convocatoria de prazas para licenzas por estudos para o curso 2013-2014. Así, convocaranse un máximo de 361 prazas), dirixidas ao persoal docente de carreira, o que suporá un investimento de arredor de 1,5 millóns de euros.

Con esta convocatoria a Consellería reafirma a súa aposta polo profesorado como piar fundamental do sistema educativos, cun esforzo importante para o mantemento destas prazas. Non en balde, no actual contexto de crise, outras Comunidades Autónomas están a prescindir destas convocatorias.

Ademais a mesa sectorial analizou o calendario escolar así como a orde pola que se convoca concurso de méritos específico para cubrir  postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos da Consellería - Aspanaes, ONCE, etc-; así como ordes polas que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional para o próximo curso académico 2013-2014  para o persoal do corpo de mestres, e para o de corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño.

Modalidades das licenzas

Ao igual que no curso anterior, haberá 6 modalidades diferentes de licenzas: para  a creación de materiais curriculares dixitais para primaria e secundaria, para a creación de materiais curriculares para as ensinanzas de formación profesional - ambas na modalidade individual e de grupo de traballo-; de grupo de traballo para a creación de cursos non presenciais para a formación do profesorado e para o perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior.

As licenzas por formación poden ter carácter retribuído ou non retribuído. No caso das retribuídas - que terán unha duración mensual, bimensual ou trimestral- poderán solicitarse en distintas modalidades, nomeadamente para a creación de materiais curriculares dixitais para primaria e secundaria - de forma individual ou en grupo de traballo de 2 ou 3 membros-, para a creación de materiais curriculares dixitais para a formación profesional - tamén individual ou en grupo de 2 ou 3 persoas-, grupo de traballo de dous ou tres membros para a elaboración de materiais para a formación a distancia, que se impartirán na Plataforma de Teleformación Galega (PLATEGA); e  para o perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior.

Neste último caso procúrase o perfeccionamento da lingua estranxeira correspondente e a consecución da cualificación necesaria para promover dun xeito preferente a creación ou a continuación do programa de seccións bilingües e de centros plurilingües, segundo o compromiso da Consellería de solicitar aos docentes que acrediten como mínimo o nivel B2 en lingua estranxeira do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL) para participaren en ambas iniciativas.As licenzas desta modalidade terán unha duración mínima dun mes e máxima de tres meses.

No tocante ás licenzas para formación non retribuídas poderán concederse por períodos de seis ou doce meses ininterrompidos. As persoas solicitantes desta modalidade deberán cumprir os requisitos xerais establecidos na orde e deberán ter transcorrido tres cursos académicos desde o exercicio da última licenza concedida na mesma modalidade.

Tras o seu paso pola mesa sectorial, a orde publicarase nas vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG).