Cultura e Educación leva ‘Espello Deportivo’ a Santiago para fomentar o uso do galego no deporte

O exitoso programa, destinado aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, impulsa o galego no terreo deportivo a través de encontros con medallistas olímpicos e paraolímpicos

O nadador Chano Rodríguez compartirá as súas experiencias coa veciñanza compostelá este mércores ás 19:00 horas no Centro Sociocultural do Ensanche

Lun, 27/05/2013 - 16:35
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en nome da Conselle
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en nome da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presentou esta mañá en Santiago o exitoso programa de dinamización lingüística “Espello Deportivo”

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en nome da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presentou esta mañá en Santiago o exitoso programa de dinamización lingüística “Espello Deportivo”, que chegará á capital galega este mércores para promover o uso do galego no campo de xogo. Nesta actividade, o alumnado das escolas deportivas e o público en xeral terán oportunidade de achegarse a Chano Rodríguez, un dos medallistas paraolímpicos participante nesta iniciativa, para coñecer de primeira man as súas experiencias no deporte de elite e a súa estreita relación coa lingua galega como valor identitario.

En palabras de García Gómez, o proxecto “vencella o galego cos valores positivos do deporte, como o afán de superación, a tenacidade e a constancia”, e facilita a creación de espazos de uso “a través de persoeiros coñecidos e admirados polos máis novos como un exemplo a seguir”. Canda o secretario xeral, participaron na conferencia de prensa a concelleira compostelá de Xuventude e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e mais o responsable de Claqueta Coqueta -empresa xestora do programa- o tamén actor Rubén Riós.

“Espello Deportivo” forma parte da programación anual de actividades que ten en marcha durante este ano a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Nel, o departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad colabora coas deputacións da Coruña e de Ourense, ademais do soporte técnico prestado por cada un dos concellos aos que chega a actividade, para levar 36 encontros a outras tantas localidades da RDL. Nesta liña, o secretario xeral referiuse a “Espello Deportivo” como “unha boa mostra da cooperación, coordinación e colaboración entre administracións para conseguir unha política lingüística máis eficiente e eficaz”.

Os encontros de “Espello Deportivo” chegarán a Santiago este mércores, cunha sesión ás 19:00 horas no Centro Sociocultural do Ensanche co nadador paraolímpico Chano Rodríguez. Pola mañá, o deportista departirá co alumnado das escolas deportivas ferrolás a partir das 11:00 horas no Centro Cultural Carvalho Calero.

O deporte, tamén en galego

“Espello Deportivo” botou a andar no pasado mes de abril co obxectivo de promover o galego nun terreo tan transversal como o deportivo, ao redor do que se congrega un gran número de xente nova. A través de encontros con tres deportistas de nivel, galardoados internacionalmente con medallas olímpicas ou paraolímpicas, os integrantes das escolas deportivas e entidades municipais están a coñecer de primeira man as dificultades dunha carreira deportiva de elite, ao mesmo tempo que descubren a importancia do idioma como valor identitario do deporte galego.

O nadador Chano Rodríguez, que acumula 16 medallas paraolímpicas ao longo da súa carreira, xunto co tamén medallista paraolímpico na disciplina de tiro Juan Antonio Saavedra e a regatista olímpica Sofía Toro exporán á xente nova as súas experiencias no terreo de xogo e lingüístico, en sesións dirixidas polo actor Rubén Riós.

Durante aproximadamente 60 minutos, a mocidade de cada unha das localidades anfitrioas de “Espello Deportivo” poderá descubrir a carreira do deportista nun pequeno vídeo ao que seguen unha breve intervención e un coloquio co auditorio.

Ata o mes de xuño, “Espello Deportivo” completará o seu percorrido por 36 concellos da RDL visitando, ademais das dúas localidades desta semana, os municipios do Barco de Valdeorras, Ribadavia, Arteixo, Celanova, Verín, Bande e Vilagarcía de Arousa.

Toda a información sobre ‘Espello deportivo’ está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/espello_deportivo.

Menús News node R