Cultura e Educación homenaxea a Roberto Vidal Bolaño cun novo volume dos ‘Cadernos Ramón Piñeiro’

A Consellería dirixida por Vázquez Abad deu ao prelo a publicación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en humanidades ‘Roberto Vidal Bolaño. Escritos sobre teatro’

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería foi o encargado de presentar esta obra que constitúe o volume XXV dos ‘Cadernos Ramón Piñeiro’

Mar, 28/05/2013 - 14:05
O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación
O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, presentou esta mañá, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, o volume XXV dos “Cadernos Ramón Piñeiro”

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, presentou esta mañá, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, o volume XXV dos “Cadernos Ramón Piñeiro”, co que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da do departamento dirixido polo conselleiro Xesús Vázquez, lle rende tributo ao escritor homenaxeado con motivo das Letras Galegas 2013.

Durante o acto, García gabouse de que o CRPIH se sumase á celebración das Letras cun traballo de tanto interese e calidade. Referiuse ademais a Roberto Vidal Bolaño como un autor comprometido coa lingua do país e coa construción dun teatro profesional galego a quen se lle rende xusta homenaxe co XXV volume dos “Cadernos”.

Na presentación, o secretario xeral estivo acompañado polo profesor e crítico teatral, ademais de familiar de Roberto Vidal Bolaño, Manuel Quintáns Suárez; polo director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Manuel González González e polos dous investigadores e codirectores dos Cadernos Ramón Piñeiro Luís Alonso Girgado e Xosé Luís Cochón Touriño.

Reflexións sobre o teatro

A publicación “Roberto Vidal Bolaño. Escritos sobre teatro” recolle reflexións do dramaturgo compostelán homenaxeado con motivo das Letras Galegas 2013 relativas á arte teatral, ora como espectador da escrita escénica doutros, ora como autor, director ou personaxe da súa propia montaxe. O caderno complétase con traballos de Luís Alonso Girgado, Manuel Quintáns, Xosé Luís Cochón e Gustavo Luca de Tena.

Os “Cadernos Ramón Piñeiro”

A colección dos “Cadernos Ramón Piñeiro” encádrase no proxecto de investigación homónimo que a Xunta de Galicia botou a andar no ano 2003. Dende esta data, os profesores Luís Alonso Girgado e Xosé Luís Cochón, co-directores dos Cadernos, levan dado a lume un total de 25 volumes centrados no pensamento e na cultura galegas e, nomeadamente, en escritores relevantes da nosa literatura. Entre eles están aqueles a quen se lles dedica cada ano o 17 de maio, cuxos textos inéditos ou correspondencia ven a luz nos Cadernos acompañados de breves pero valiosos estudos sobre a súa obra.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

O CPRIH, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, ten a finalidade de promover, desenvolver e darlles difusión a proxectos galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Na actualidade, centra as súas liñas de investigación en lingüística con aplicacións informáticas, en prosa e poesía medieval, na recuperación e análise de publicacións literarias e en proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva.