Cultura e Educación leva ‘Espello Deportivo’ a outros cinco concellos da Rede de Dinamización Lingüística durante esta semana

O Barco de Valdeorras, Arteixo, Celanova, Ribadavia e Verín acollerán os encontros cos deportistas Chano Rodríguez e Juan Antonio Saavedra

O exitoso programa pretende impulsar o galego no terreo de xogo ligando os valores positivos do deporte co uso da lingua propia de Galicia

Mar, 04/06/2013 - 14:24
Cultura e Educación leva ‘Espello Deportivo’ a outros cinco concellos da Rede de
Cultura e Educación leva ‘Espello Deportivo’ a outros cinco concellos da Rede de Dinamización Lingüística durante esta semana

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a despregar os encontros de “Espello Deportivo” polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. O exitoso programa de promoción do galego no eido deportivo, que entra na súa recta final, chegará a cinco municipios durante os días lectivos desta semana. O Barco de Valdeorras, Arteixo, Celanova, Ribadavia e Verín serán as localidades anfitrioas que acollerán desde hoxe encontros con deportistas de elite.

En “Espello Deportivo”, o alumnado das escolas deportivas e entidades municipais poderá entrar en contacto cun dos tres destacados deportistas que conforman o programa e coñecer de primeira man a importancia do galego como valor identitario na competición internacional. A regatista olímpica Sofía Toro, campioa nos Xogos Olímpicos de Londres; o nadador paraolímpico Chano Rodríguez, que conta na súa traxectoria con con 16 medallas, e mais o tirador paraolímpico Juan Antonio Saavedra, gañador dunha medalla de prata nos Xogos Paraolímpicos de Londres, darán a coñecer as súas experiencias deportivas e a súa relación coa lingua galega ante o público asistente. O popular actor Rubén Riós, responsable da empresa xestora, exercerá de condutor dos actos, nos que se proxectará un vídeo coa experiencia vital do deportista para dar paso a un coloquio no que se ligarán os valores positivos do deporte –como o liderado, o esforzo e o afán de superación- co uso da lingua galega.

O primeiro dos encontros desta semana tivo lugar esta mañá, no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, cunha sesión ás 11:30 horas co nadador Chano Rodríguez. Pola tarde, o deportista paraolímpico desprazarase ata Arteixo, onde departirá cos asistentes sobre a súa implicación deportiva co idioma. Será ás 18:30 horas no Centro Cívico Municipal. Mañá mércores será a quenda de Celanova, vila na que Juan Antonio Saavedra comentará as súas fazañas paraolímpicas ao mesmo tempo que amosará que o galego é o mellor sinal de identidade na competición internacional.

O xoves, Chano Rodríguez continuará o seu percurso por Galicia con dous encontros na provincia de Ourense. Pola mañá, o salón de actos de IES de Ribadavia engalanarase para recibir ao deportista ás 11:00 horas, mentres que pola tarde será a quenda de Verín, cunha sesión ás 20:30 horas na Casa da Cultura.

Dado que “Espello Deportivo” conta con deportistas de alto nivel que continúan en activo, esta semana a regatista Sofía Toro non poderá acudir a ningún encontro, debido aos seus compromisos profesionais.

Dinamización en rede

“Espello Deportivo” forma parte da programación anual de actividades da RDL para este 2013, aprobada polo seu consello de membros. Canda a Xunta de Galicia, participan do programa as deputacións da Coruña e de Ourense, e mais os municipios nos que recala a actividade, que ofrecen as instalacións e apoio técnico para o desenvolvemento dos encontros.

Desde que botou a andar no mes de abril, o éxito foi unha constante en todas as localidades visitadas, gozando dunha notable popularidade sobre todo no público máis novo. Neste período, os tres deportistas de elite achegaron as súas experiencias á veciñanza de Outes, Cabana de Bergantiños, Boiro, Ribeira, Cambados, Ortigueira, Rois, Corcubión, Santa Comba, Muxía, Xove, Cee, Teo, Vedra, Bergondo, Ames, Carral, A Pobra do Caramiñal, Aranga, Arzúa, Mesía, Padrón, Barbadás, Ourense, Xinzo de Limia, O Carballiño, Ferrol e Santiago de Compostela. Ademais dos cinco encontros programados ata o venres, a vindeira semana serán as quendas de Bande e Vilagarcía de Arousa, completando unha intensa xira por máis dunha trintena de concellos.

Toda a información sobre ‘Espello deportivo’ está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/espello_deportivo.

Menús News node R