Xesús Vázquez salienta o valor da colaboración entre a empresa e o sistema educativo a prol da cualificación profesional da mocidade, a formación ao longo da vida e a inserción laboral

O conselleiro de Cultura e Educación participou no acto co que se clausura o primeiro curso do ciclo de grao superior en Programación da Produción en Moldeamento de Metais e Polímeros, implantado en Galicia en colaboración con Alcoa

Mér, 05/06/2013 - 14:25
 Xesús Vázquez salienta o valor da colaboración entre a empresa e o sistema educ
Xesús Vázquez salienta o valor da colaboración entre a empresa e o sistema educativo a prol da cualificación profesional da mocidade, a formación ao longo da vida e a inserción laboral

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a importancia de que o sistema educativo e as empresas establezan sinerxías “á hora de fomentar a cualificación profesional da nosa mocidade, a formación ao longo da vida das persoas traballadoras e mellorar a inserción laboral das comarcas da nosa comunidade”. No acto de clausura do primeiro curso do ciclo de grao superior en Programación da Produción en Moldeamento de Metais e Polímeros, implantado por primeira vez en Galicia en colaboración con Alcoa, Xesús Vázquez agradeceu á Fundación Alcoa o seu compromiso con Galicia e co seu ensino público, manifestado a través da colaboración na posta en marcha deste ciclo no IES Illa de Sarón (Xove). Ademais fixo fincapé nas oportunidades que este ciclo supoñen tanto para que as persoas traballadoras melloren a súa preparación como para a formación dos máis novos, grazas á súa implantación no réxime para as persoas adultas, en oferta modular.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia felicitou tanto a Alcoa como á comunidade educativa do Illa de Sarón polo seu traballo na posta en marcha deste ciclo, “unha clara aposta polo emprego e o desenvolvemento do tecido produtivo da comarca, que proporciona ademais formación en prevención de riscos, calidade e protección ambiental”, temáticas coas que tanto Alcoa como a Consellería están moi sensibilizadas. Neste sentido animounos a continuar traballando con dedicación traballar con dedicación, para continuar co labor emprendido con este proxecto.

Durante a clausura deste curso a Fundación Alcoa fixo entrega ao IES Illa de Sarón equipamento para unha mellor formación do alumnado do ciclo, en concreto unha máquina universal de ensaios, unha minicélula con PLC – ambos os dous para o laboratorio -; así como un entrenador de electropneumática e outro de electrohidráluica para o taller de automatismos. Ademais a fundación mercou para o centro  licencias de software para o control e simulación e automatismos.

Ademais do conselleiro, participaron no acto a delegada da Xunta na provincia, raquel Arias; o director xeral de Alcoa Primario España, Rubén Bartolomé González; o director xeral de Educación , FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; a directora do IES Illa de Sarón, Oliva Cabaleiro; así como membros da comunidade educativa do centro, representantes de empresas e persoal de Alcoa e do Concello.

Colaboración con Alcoa

O ciclo de grao superior en Programación da Produción en Moldeamento de Metais e Polímeros que se imparte no IES Illa de Sarón ten unha duración de 2.000 horas, das que máis de 200 de prácticas se realizan na propia fábrica de Alcoa.

Esta é unha máis das iniciativas de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Alcoa, que xa cooperan a través de varios proxectos e convenios en materia de prevencións de riscos nos centros educativos, así como no desenvolvemento no IES Marqués de Sargadelos (Cervo) do ciclo de grao superior en Química Industrial.

Visita ao CEIP Pedro Caselles Rollán

Tras o acto de clausura no IES Illa de Sarón, o conselleiro desprazouse ata o CEIP Pedro Caselles Rollán, onde coñeceu o proxecto de voluntariado no este colexio traballa en conxunto con Alcoa. Trátase dun horto escolar cultivado por voluntarios e polos 191 alumnas e alumnas do centro, cunha parcela para cada ciclo educativo, no que as rapazas e rapaces colleitarán verduras e plantas aromáticas.

Vázquez Abad aproveitou a súa visita ao colexio para coñecer as necesidades do colexio, no que se levan investidos desde 2009 máis de 77.000 euros para diferentes melloras na cuberta, as pistas cuberta e polideportiva, o elevador, e a instalación eléctrica. Nesta achega inclúese ademais a dotación de fondos para a biblioteca escolar do centro, que está incluída desde o ano 2010 no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Neste mesmo PLAMBE participa tamén desde 2010 o IES Illa de Sarón, que leva recibidos preto de 25.000 euros para a súa biblioteca escolar.