A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño percorrerán Galicia nunha exposición itinerante co apoio de Cultura e Educación

Promovida pola Consellería e pola Asociación Vidal Bolaño, a exposición ofrece unha panorámica da obra do dramaturgo a través de dez paneis con textos e imaxes dos seus espectáculos, dos seus personaxes e das súas obras

A andaina da mostra comeza na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde foi presentada hoxe polos secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura

Esta iniciativa enmárcase na programación promovida pola Xunta de Galicia para difundir entre a cidadanía a obra do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2013

Ven, 14/06/2013 - 12:37
A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño percorrerán Galicia nunha exposición i
A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño percorrerán Galicia nunha exposición itinerante co apoio de Cultura e Educación

A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño percorrerán desde hoxe e ata decembro as catro provincias galegas a través dunha exposición itinerante desenvolvida pola Asociación Roberto Vidal Bolaño coa colaboración das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Mediante dez paneis, a mostra ofrece unha panorámica da extensa obra do dramaturgo a través de textos e das imaxes dos seus espectáculos, dos seus personaxes e das súas obras. Trátase, polo tanto, dun percorrido pola vida e a obra de Vidal Bolaño que é, ao mesmo tempo, un achegamento á historia do teatro profesional en Galicia.

Este ano van poder coñecer máis de Roberto Vidal Bolaño as persoas que se acheguen desde hoxe e ata o 1 de xullo á Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde foi inaugurada esta mañá polos secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, acompañados pola responsable da dirección da mostra e presidenta da Asociación Roberto Vidal Bolaño, Belén Quintáns. Tamén participou no acto Begoña Domínguez, técnica da biblioteca.

Durante o acto, ambos os representantes da Consellería de Cultura e Educación destacaron a figura de Roberto Vidal Bolaño como un referente indiscutible no ámbito teatral en Galicia. Tamén tiveron palabras de recoñecemento para o actor Xosé Manuel Olveira Pico’, falecido no día de onte, pola súa valiosa contribución ao audiovisual e ao sistema teatral galegos. 

Un home que viviu intensamente o teatro

Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, “a exposición é de fácil acceso e cun enfoque de achegamento visual a Vidal Bolaño, para mostrárnolo como un home que viviu intensamente o teatro dunha maneira integral, desde a escrita á interpretación, da creación dos diálogos ás indicacións escenográficas e á dirección, e mesmo tamén nun audiovisual galego daquela aínda nacente”.

“É o noso compromiso –dixo Anxo Lorenzo– ofrecer unha presenza importante este ano de Roberto Vidal Bolaño; de aí a aposta pola ampla programación teatral por toda Galicia a través das producións e coproducións do Centro Dramático Galego; os ciclos audiovisuais que afondan sobre a súa obra; o labor nos centros educativos e, por suposto, esta mostra itinerante que hoxe inicia o seu percorrido por toda Galicia.

Promotor da normalización do idioma desde o eido teatral

Pola súa parte, García Gómez gabou “a figura senlleira de Vidal Bolaño, dramaturgo de excepción, galego por excelencia e un dos autores teatrais europeos máis destacados do último cuarto do século XX, tanto no cuantitativo coma no cualitativo da súa contribución á consolidación do teatro de noso, no marco do sistema literario en lingua galega".

“Roberto é aínda moito máis ca un escritor e o seu compromiso coa lingua vai moito máis alá da xa non desdeñable aposta pola escrita monolingüe en galego que, sen dúbida ningunha, marcou tamén o camiño da consolidación da normalización da lingua propia de Galicia desde os eidos teatral e audiovisual, sendo pioneiro neste último”, concluíu o responsable de Política Lingüística.

Doce oportunidades para se achegar a Vidal Bolaño

Logo do seu paso pola capital de Galicia, a exposición proseguirá o seu percorrido no mes de xullo pola sala de exposicións de Tui e polo auditorio de Vilagarcía de Arousa, dos días 2 ao 15 e do 16 ao 31, respectivamente. A seguinte parada será na biblioteca municipal de Ribeira, onde permanecerá do 1 ao 16 de agosto. Tamén poderán coñecer máis da obra e da figura de Roberto Vidal Bolaño as persoas que se acheguen á Biblioteca González Garcés da Coruña entre o 19 de agosto e o 2 de setembro.

Na provincia de Lugo, a mostra sobre Roberto Vidal Bolaño chegará á biblioteca nodal da cidade da muralla, onde permanecerá do 3 e 20 de setembro, e á localidade de Burela, do 23 de setembro ao 10 de outubro. Ao seu paso por Ferrol, a mostra estará na biblioteca municipal do 11 ao 28 de outubro. A continuación poderá visitarse na provincia de Ourense, do 29 de outubro ao 11 de novembro en Verín e do 12 ao 30 de novembro, na Biblioteca Nodal de Ourense.

A exposición rematará o seu percorrido por Galicia na provincia de Pontevedra no mes de decembro. Do día 2 ao 16 poderá visitarse na Biblioteca Nodal de Pontevedra e entre os días 17 e 31 estará no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Trátase, polo tanto, de 12 oportunidades para poder coñecer un pouco máis da vida e da obra do dramaturgo ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas.  

Favorecer un maior coñecemento do autor homenaxeado

A conmemoración das Letras Galegas dedicadas cada ano a un autor ou autora constitúe unha oportunidade para que o conxunto da cidadanía poida coñecer un pouco máis dos principais creadores culturais galegos e, ao mesmo tempo, descubrir novos intereses. Por iso, a Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen promovendo nos últimos anos unha serie de actividades conxuntas que favorezan ese maior coñecemento do autor homenaxeado, cunha programación que procura ocupar a totalidade do ano, para garantir máis alá do propio Día das Letras o interese pola figura e a obra do autor correspondente.