X Xornada de Clubs de Lectura

Galerías de imaxes da X Xornada dos Clubs de lectura #Xclubslecturagal

 

 

Están xa dispoñibles as galerías de imaxes de todo canto aconteceu na X Xornada dos Clubs de lectura, celebrada en Compostela o pasado 17 de xuño, coa participación de máis dun milleiro de lectoras e lectores (entre profesorado, alumnado e adultos da comundiade educativa participantes de grupos de lectura), procedentes dos 243 clubs de lectura que funcionaron o curso que agora remata nos centros educativos galegos. 

ACCESO ÁS GALERÍAS 

X Xornada dos Clubs de lectura en prensa e redes sociais

A X Xornada dos Clubs de lectura foi unha oportunidade para o encontro entre lectoras e lectores, unha ocasión para seguir aprendendo, un espazo para a alegría de sabérmonos parte desa sociedade lectora que estamos a construír xunto cos autores e as autoras, os creadores todos (poetas, autores de textos teatrais, actores e actrices, ilustradores e ilustradoras, músicos, cineastas...) e outros axentes do mundo do libro como editoras, críticos literarios, especialistas no mundo do libro e da lectura, asociacións a favor do libro e da lectura e todo aquel que contribúa co seu traballo a facer accesibles os recursos culturais para o conxunto da poboación, así como  a estender a formación e as oportunidades para unha maior competencia lectora e literaria. Alegría que vén de saber que traballar a favor da lectura é traballar por unha sociedade democrática e, porque tal como dixo César Mallorquí na propìa xornada, "ler fai que as nosas vidas sexan mellores". 
Velaquí algúns exemplos da difusión que tivo esta xornada na prensa e nas redes sociais:

Unha experiencia arredor da lectura

Rematado o prazo de inscrición de lectores e lectoras, a maiores do profesorado coordinador (237) participarán na X Xornada de clubs de lectura preto de 900 lectores e lectoras (alumnado e adultos) procedentes de 93 centros educativos de toda Galicia; alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, escolas oficiais de idiomas... Unhas 1.200 persoas poderán vivir unha experienica única arredor da lectura e dos autores e autoras galegos. Haberá ocasión tamén para o cómic, o audiovisual, o cine, o teatro, a música, as culturas urbanas, o xornalismo cultural, a narración... César Mallorquí, autor moi lido nos clubs de lectura, e recomendado polos departamentos de lingua e literatura, con dous títulos traducidos ao galego (As lágrimas de Shiva, O último traballo do Sr. Luna), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2013, será un broche literario fantástico para unhas sesións intensas arredor da palabra. A música de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, poñerá o fin á xornada:  música de raíz e coplas tradicionais pasadas polo tamiz de músicos actuais.

Os clubs de lectura son un fenómeno cultural que se está a dar nos centros galegos que esperta o interese do mundo editorial e dos autores e autoras; tamén dos profesioanis do mundo do libro e da lectura de fóra de Galicia que teñen coñecemento desta realidade. Por limitacións razoables, os lectores e lectoras que estarán presentes en Compostela o vindeiro 17 de xuño non chega ao 10% dos que, de forma periódica, se reúnen para falar de libros e compartir experiencia lectora ao longo do curso escolar.  

Ver o programa 

Autores e autoras, creadores, músicos, expertos, críticos literarios, xornalistas, xentes do teatro, o cine, os audiovisuais...

X Xornada dos Clubs de Lectura
Óscar López

Óscar López

Xornalista especializado en cultura, con ampla experiencia en radio, prensa escrita e televisión. Actualmente é o director e presentador de Página Dos, programa de referencia sobre o mundo dos libros na 2 de Televisión Española que, entre outros recoñecementos, acadou o Premio Nacional ao Fomento da Lectura 2012.
Tamén colabora coa revista Qué Leer e co suplemento literario do El Periódico de Catalunya.
http://blog.rtve.es/pagina2/
Victoria Moon

Victoria Moon

Defínese como lectora empedernida e cinéfila. Graduada en Comunicación Audiovisual é unha das booktubers de referencia no panorama actual.
Galega de nacemento, alicantina de corazón e, según as suas propias palabras, finlandesa temporal.
https://www.youtube.com/user/mycadillacdreams/videos
Inés Miret

Inés Miret

Inés Miret é consultora especializada en proxectos dixitais de lectura, libro e bibliotecas. Dirixe proxectos de promoción da lectura e estudos en América Latina e España, traballando con fundacións, ministerios, editores e bibliotecas.
Durante oito anos (2006-2014) foi coordinadora do grupo de expertos de lectura da Organización dos Estados Iberoamericanos. Participou en iniciativas de formación en liña da Universidade de Alcalá de Henares, a Universidade de Barcelona, a Universidade Autónoma de Barcelona e a Asociación Colombiana de Universidades. Participou no Informe sobre a lectura en España 2017, e no Informe Integración das competencias ALFIN/AMI no sistema educativo: referencias, contexto y propuestas (Grupo GTALFIN, MECD, 2016)
É responsable da consultoría Neturity e unha das creadoras e coordinadoras do Laboratorio Emília de Formación.
http://www.oei.es/historico/noticias/spip.php?article9241
Miguelanxo Prado

Miguelanxo Prado

Debuxante, ilustrador, guionista e animador coruñés.
Prado foi Premio Nacional de Banda Deseñada 2013 por Ardalén; tamén é autor de Trazo de xiz, Presas Fáciles, Stratos ou Tangencias.
No audiovisual destaca De Profundis, longametraxe que dirixiu, animou, deseñou e escribiu no 2006. Tamén deseñou a figura do Xabarín da TVG e traballou en series como Men in Black: The Series ou Os vixilantes do Camiño.
Dirixe o Salón Viñetas desde o Atlántico dende 1998.
Membro, desde o ano 2009, da Real Academia Galega de Belas Artes. En 2017, Premio dos Clubs de lectura.
http://www.miguelanxoprado.com/
Carlos Negro

Carlos Negro

Carlos Negro é profesor de instituto e poeta. Colabora coa Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL). Imparte numerosos obradoiros de poesía en centros de ensino e outros espazos culturais.
Entre os seus títulos están As laranxas de alí babá, Far West, Hèleris, Cultivos trasxénicos, Makinaria, Abelcebú, Penúltimas Tendencias e Masculino singular.
Rosalía Fernández Rial

Rosalía Fernández Rial

Nas súas palabras: “Rosalía Fernández Rial (1988) concibiuse a través da palabra, ideando unha xénese inicial desde a literatura escrita e a linguaxe escénica”.
Entre os seus libros de poesía están: En clave de sol, Átonos, Vinte en escena, Ningún amante sabe conducir, Contra-acción ou Sacar a bailar (Poesía reunida, 2016). O libro DVD Aulas sen paredes a súa tese doutoral vén de recibir o Premio á mellor iniciativa bibliográfica de 2016 na II Gala do Libro Galego.
http://www.rosaliafernandezrial.com/
Xesús Fraga

Xesús Fraga

Xornalista e escritor, redactor de La Voz de Galicia.
Entre os seus títulos están Tute para catro, A-Z, Solimán, O elefante branco ou Reo onde se achega ao universo graffiteiro
Tamén e autor de 50 recetas con moras y otros frutos silvestres e tradutor de distintas obras.
http://xesusfraga.blogspot.com.es/
GarOne (Grafiteiro)

GarOne (Grafiteiro)

GarOne, no DNI David García, é un grafiteiro de Betanzos que rexeita pórse etiquetas. Autor de distintos murais, cos seus esprais o mesmo adorna unha sala de espera que dálle nova vida a escudos heráldicos a carón da Nacional VI. É un habitual de distintas xuntanzas de grafiteiros.
Anxos Ferradáns

Anxos Ferradáns

Anxos Ferradáns é profesora de voz, locución e dobraxe desde 1986.
Produtora audiovisual, con moita experiencia en programas da CRTVG, ten sido profesora de dobraxe, entre outros, na Escola de Imaxe e Son de Vigo.
Risk

Risk

Risk é o nome artístico de Esteban Leguizamón Muiños. Membro activo como Mc do grupo de rap pontevedrés “De Buena Tinta”, leva máis de 10 adicándose artisticamente á música rap.
Foi gañador en solitario e co seu grupo, de diversos concursos musicais tanto en Galicia como no resto do Estado.
Miguel Anxo Fernández Fernández

Miguel Anxo Fernández Fernández

Crítico de cine en La Voz de Galicia e Radio Galega. Membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Pertence á Academia de las Ciencias y las Artes de Televisión, á Academia Audiovisual Galega, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, ao Padroado do Museo do Pobo Galego, a Asociación Española de Historiadores de Cine e ao Pen Club de Galicia.
Como escritor, é o creador de Frank Soutelo, detective protagonista de varios dos seus libros. A súa última obra publicada, Blues para Moraima (Galaxia, 2017), recibiu o Premio Blanco Amor de novela no ano 2016.
Luís Pardo

Luís Pardo

Xornalista de Radio Galicia – Cadena SER.
Responsable de Hoy por Hoy Santiago.
Tamén colabora como columnista no 20 Minutos.
Andrea Maceiras

Andrea Maceiras

Licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica. Gañadora de diferentes premios literarios. Entre os seus títulos están Proxecto Bolboreta, Violeta Tamurana, O segredo do lagarto arnal, Nubes de evolución, Volverás, golfiño e Miña querida Sherezade.
En 2015 gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con Europa Express.
Rosa Aneiros

Rosa Aneiros

Xornalista e escritora. Traballa no Consello da Cultura Galega e colabora con distintos medios de comunicación. A súa primeira novela foi Eu de maior quero ser. Tamén é autora de títulos como Resistencia (Premio San Clemente 2003), Ás de bolboreta; Veu visitarme o mar; Sol de Inverno (Premo Xerais 2009); a triloxía de Ámote Leo A. A súa obra As de bolboreta foi seleccionada para a lista The White Ravens en 2010, selección europea de títulos de literatura infantil e xuvenil de calidade.
Montse Pena Presas

Montse Pena Presas

Filóloga, crítica literaria e especialista en literatura infantil e xuvenil. Montse Pena é profesora de Didáctica da Lingua e Literatura na Universidade de Santiago.
María Reimóndez

María Reimóndez

Escritora, tradutora e intérprete. Autora de numerosos títulos tanto para público infantil como adulto.
O Caderno de Bitácora, O club da calceta, Dende o conflito (Premio Xerais 2014), A dúbida, son algunhas das súas novelas.
En literatura infantil e xuvenil: Usha, Lía e as zapatillas de deporte, O Monstro das palabra”, Volvo! O regreso de Usha e Corredora (2017)
En poesía conta, entre outros, cos poemarios Moda Galega, Presente continuo, Moda Galega Reloaded! e kleinigkeiten/cousiñas.
A súa extensa traxectoria como tradutora tamén ten acadado moitos recoñecementos.
http://mariareimondez.com/
Antón Riveiro Coello

Antón Riveiro Coello

Escritor galego, autor dun grande número de relatos e novelas como Valquiria, A historia de Chicho Antela, Animalia, As rulas de Bakunin, A quinta de Saler, Laura no deserto ou Os elefantes de Sokurov, moitos deles premiados ou finalistas de distintos galardóns.
O seu último título A ferida do vento é unha homenaxe a Vento Ferido, de Carlos Casares.
Tamén ten obras de literatura xuvenil como A voz do lago.
Ledicia Costas

Ledicia Costas

Escritora e poeta, Costas comezou a escribir moi nova e debutou coa novela Unha estrela no vento. Outras obras súas: O corazón de Xúpiter, Recinto gris e Xardín de inverno (poesía)
A súa traxectoria está chea de recoñecementos, como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e o Merlín no 2015 pola novela Escarlatina, a cociñeira defunta ou o Premio Lazarillo 2015 por Jules Verne e a vida secreta das Mulleres Planta.
Ledicia Costas é defensora da difusión da literatura infantil e xuvenil galega; en narrativa para adultos é autora de Un animal chamado néboa, libro de relatos ambientados na II Guerra Mundial.
http://lediciacostas.com/gl/
Pedro Feijoo

Pedro Feijoo

Pedro Feijoo é escritor, se ben tamén foi un destacado músico profesional.
Deuse a coñecer como ensaísta co seu libro, Cousas do «Galicia», por Castelao ao que seguiu a crónica Viva o Fu Remol!.
Entre os seus títulos están Os fillos do mar, A memoria da choiva, Morena, perigosa e románica ou Os fillos do lume (de inminente publicación). En 2013 e 2016 recibiu o Premio San Clemente, un galardón que conceden os lectores de varios institutos da comunidade.
Ramón Nicolás

Ramón Nicolás

Ramón Nicolás é profesor e crítico literario dende 1990, ademais de tradutor e ensaísta. Colabora dende hai anos con distintos medios de comunicación e o seu nome pode verse actualmente nas páxinas do Fugas de La Voz de Galicia ou na revista Biblos. Club de lectores.
Dirixe a colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia e recibiu o premio á cooperación editorial no ano 2004. A súa primeira novela é O espello do mundo (2016).
A súa faceta como tradutor tamén mereceu distintos galardóns. É o responsable do blog Caderno da Crítica https://cadernodacritica.wordpress.com/ e mantén, así mesmo, un blog persoal: http://www.ramonnicolas.eu/
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas

Profesora de lingua e literatura galega e secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
É autora de ensaios divulgativos como Os trobadores do Reino de Galiza ou Breve historia da literatura galega, ademais doutros estudos centrados en figuras senlleiras como Frei Martín Sarmiento.O inicio da recuperación da conciencia galega, Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política, Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg e Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo.
Ademais, é coautora da Historia xeral da literatura galega. Por Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María recibiu o Premio de ensaio na II Gala do Libro Galego.
http://mercedesqueixas.blogaliza.org/
Antía Otero

Antía Otero

Tras licenciarse en Historia da Arte e formarse como actriz, traballa arredor da práctica escénica e da escrita. Como poeta gañou o VII Certame Francisco Añón co poemario De porta un Horizonte e publicou O Son da Xordeira en Espiral Maior no 2003, (Retro)visor no 2010 e O cuarto das abellas (2016, Premio á mellor obra poética na II Gala do Libro Galego), ámbolos dous en Xerais. A súa obra pode lerse tamén en multitude de publicacións colectivas e revistas. Dende 2014 codirixe xunto con Dores Tembrás, o proxecto literario Apiario. Leva anos dedicada a coordinar cursos de arte, poesía e escrita creativa tanto para entidades públicas como privadas.
http://www.antiaotero.com
Xosé Tomás

Xosé Tomás

Xosé Tomás é ilustrador, humorista gráfico e profesor de inglés de ensino medio. Traballa en distintos campos, se ben o groso da súa obra enmárcase na ilustración infantil e xuvenil. Tamén ten obra en banda deseñada, cartelismo didáctico e colabora con viñetas cómicas en medios de comunicación. Nómades e Manual de escola son dúas das súas últimas publicacións.
http://www.xosetomas.es/comic.html
Club de Lectura de Manga – IES de Catabois

Club de Lectura de Manga – IES de Catabois

O Club de Manga e Anime do IES Catabois está dirixido aos alumnos aficionados a este tipo de libros, está dirixido por eles. Nas xuntanzas len e comentan libros manga, deciden as propostas de adquisicións que farán á biblioteca, xogan, organizan actividades para todo o centro, planean os seus disfraces para o Entroido e preparan a súa excursión á Expotaku da Coruña. Fundouse no 2008.
http://www.edu.xunta.gal/centros/iescatabois/
Soledad Felloza

Soledad Felloza

Escritora, actriz, fotógrafa e contacontos. Creadora de espectáculos para públicos de todas as idades. A súa ampla traxectoria levouna por escenarios de toda España e festivais de Uruguai, Arxentina, Chile, Bolivia, Venezuela, Cuba, Alxeria, Perú, Francia, Italia, Portugal e Holanda. É directora artística do Festival internacional de narración oral, Atlántika.
http://soledadfelloza.com/
Jorge Coira

Jorge Coira

Coira é un dos nomes claves do audiovisual galego actual.
Responsable de distintas curtametraxes de éxito (O matachín), documentais e películas e programas para televisión (Luci, Padre Casares).
É director das longas O ano da carracha e 18 comidas e recibiu un Goya en 2016 pola montaxe de El desconocido.
http://www.jorgecoira.com/
Pinto d’Herbón

Pinto d’Herbón

Fíxose popular a través do programa Sitio Distinto co tema Nitramón, 15, 15, 15, ademais, é autor doutros temas editados en diferentes discos compilatorios. Este regueifeiro acostuma ir acompañado desde o ano 1997 con Luís “O Caruncho”. Teñen participado en experiencias no ensino medio onde realizan obradoiros de elaboración de regueifas entre o estudantado, contribuíndo desta maneira a espallar a música tradicional galega xunto coa construción de versos en galego.
Luis “O Caruncho”

Luis “O Caruncho”

Gaiteiro, zanfonista, cantante e incluso aprendiz de actor. Son estas mesmas dotes as que o acrediten dende que debutou como improvisador en verso en Valladares – Vigo como un dos máis prometedores Regueifeiros – Brindeiros do País, xa que o seu enxeño e sentido do ritmo fan que sempre teña a man unha resposta axeitada para calquera copla que lle boten por moi envelenada que esta sexa. Caracterízase asemade por tratar de introducir novos ritmos e probar con distintos acompañamentos no tradicional xeito de improvisar “a pelo” galego.
Marcos Calveiro

Marcos Calveiro

Calveiro acadou numerosos premios cos seus libros, ademais de organizar obradoiros de creación literaria e visitar acotío centros de ensino falando de literatura e creación.
Cultiva literatura infantil e xuvenil, narrativa para adultos ou poesía.
Entre os seus títulos: O pintor do sombreiro de malvas, Sari soñador de mares Rinocerontes e quimeras, Settecento, Festina lente, O carteiro de Bagdag, Lois Pereiro. Náufrago do paraíso, Rinocerontes e quimeras, Sari, soñador de mares, O canto dos peixes ou o libro de poemas Cartas do terceiro día. Fontán (Premio de narrativa breve Repsol), Raro, Todos somos, As palabras poden matar e Unha casiña branca son as súas últimas publicacións.
http://alfaias.blogaliza.org/
Fran Alonso

Fran Alonso

A súa obra abarca a narrativa, a poesía, a literatura electrónica, a literatura infantil e xuvenil e o xornalismo.
Como escritor, publicou arredor de 30 títulos e concedéronselle premios como o Blanco Amor de Novela, o Losada Diéguez á mellor obra literaria de 1998, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro do ano, a distinción White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic, o Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil do ano. Explora a poesía virtual na súa obra Poétic@ http://poetica.gal/es/. Terraza é a súa última publicación.
A súa obra está traducida a diversas linguas.
http://franalonso.gal/
http://cabrafanada.blogspot.com.es/
Berta Dávila

Berta Dávila

Narradora e poeta, entre as súas obras están A arte do fracaso, Bailarei sobre a túa tumba, Corpo baleiro, Dentro e Raíz da fenda. O derradeiro libro de Enma Olsen é a súa última novela.
Tamara Andrés

Tamara Andrés

Tamara Andrés, autora e tradutora. Co seu primeiro poemario Nenaespiraes gañou o concurso convocado pola Agrupación Cultural "O Facho" en 2015; tamén é autora de Xogos surrealistas, incluído no volumen de Premios 2014 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo; e da novela Amentalista.
A escritora tamén é responsable de distintas traducións ao galego e castelán e máis de distintas colaboracións e poemas publicados en compilacións.
https://esquecemosotempo.wordpress.com/
Francisco Castro

Francisco Castro

Francisco Castro leva publicados 21 libros e é, dende decembro de 2016, director da Editorial Galaxia. A súa ampla bibliografía inclúe novelas para adultos(In Vino Veritas), novela histórica (Memorial do infortunio), novela erótica (Xeografías), libros para mozos (O ceo dos afogados), poesía (Matar a Walt Whitman moitas veces), libros infantís (Chamádeme Simbad), novela histórica, libros de relatos... Tes ata as 10, Amor é unha palabra coma outra calquera son as súas últimas publicacións.
Castro imparte obradoiros literarios para distintas idades.
http://franciscocastro.blogaliza.org/
César Mallorquí

César Mallorquí

Escritor e xornalista. Fillo de José Mallorquí, o creador de El Coyote, a súa relación cos libros vén dende a súa nenez. Ciencia-ficción, fantasía, literatura infantil e xuvenil…son algúns dos xéneros nos que leva traballado.
Mallorquí conta no seu haber con numerosos premios, entre os que cabe destacar o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2013 por La isla de Bowen e o Premio Cervantes Chico por toda a súa traxectoria no 2015. As lágrimas de Shiva e O último traballo do Sr. Luna están traducidas ao galego e son dous títulos moi lidos nos centros de ensino (por recomendación dos departamentos de lingua e literatura e nos clubs de lectura).
http://fraternidadbabel.blogspot.com.es/
Xabier Díaz  & Adufeiras de Salitre

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

Xabier Díaz compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha vizosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego.
Formou parte do grupo Berrogüetto e participou xunto a Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero no proxecto aCadaCanto
No ano 2015 editou o multipremiado The tambourine man, xunto ás Adufeiras de Salitre.
http://xabierdiaz.com/
Pista Catro

Pista Catro

Pistacatro Productora de Soños defínese como “colectivo humano” que se constitúe para crear e distribuír espectáculos de Novo Circo e máis Cabaré, no que son toda unha referencia.
Confórmano actores de teatro, músicos, malabaristas, acróbatas e clowns.
http://www.pistacatro.com/gl/

Programa da X Xornada dos Clubs de lectura

 

 

 

Autores e autoras do panorama literario galego e español, poetas e narradores, creadores do ámbito da ilustración, o cómic, o graffiti, xornalistas culturais de televisión e radio , expertos do mundo do cine, músicos, xentes do rap e da regueifa, expertos en temas de lectura...  e os protagonistas: profesorado implicado xunto con alumnado integrante de clubs de lectura en representación dos 11.000 lectores e lectoras que periodicamente se xuntan, nos institutos, escolas de idiomas, conservatorios, centros de ensinanzas de adultos, por  toda Galicia, para falar de libros e compartir experiencia lectora. En conxunto, 1.200 persoas para festexar a lectura no ano no que se cumpre a década dos clubs de lectura dos centros de ensino galegos.

X Xornada dos Clubs de lectura: unha década a prol da sociedade lectora.

O 17 de xuño celebrarase en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) a X Xornada dos Clubs de lectura, unha iniciativa integrada no programa HORA DE LER da Consellería de Cultura, Educación e O.U. desde 2007, ano no que se publicaba a primeira convocatoria en apoio do funcionamento de clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. Desde aquel primeiro curso 2007/2008 no que se puxeron en funcionamento os primeiros cen clubs de lectura foron moitos os rapaces e rapazas, foron moitos tamén os adultos dos distintos sectores da comunidade educativa, que participaron nos diferentes grupos de lectura que se foron creando nos centros [Artigo publicado en Libro Abierto sobre esta iniciativa posta en marcha de forma pioneira  nas bibliotecas escolares de Galicia]
Con cada convocatoria medra o número de centros de ensino con club de lectura. Neste curso 2016/2017 son un total de 243 centros que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas de idiomas, ensinanzas de persoas adultas). Os clubs de lectura, espallados por todo o territorio galego chegan mesmo aos cárceres,  como ben explica a profesora Eulalia Agrelo neste artigo publicado en EDUGA, creando alí tamén espazos para o diálogo a partir dos libros e a lectura. 
Tódolos anos, desde 2008, a consellería xunta ao profesorado que coordina estes clubs nunha xornada anual dos clubs de lectura, no que se comparten experiencias, inquedanzas e propostas, e onde interveñen expertos en materia de lectura, mocidade, literatura e outros, co fin de contribuír á formación deste profesorado para o exercicio da súa función como mediador no ámbito da lectura. En 2012 a V Xornada dos Clubs de lectura  reunira unha pequena representación do alumnado (180 rrapaces e rapazas), nunha sesión formativa inesquecible.
Co gallo da celebración dunha década dos clubs de lectura, a Consellería de Cultura, Educación e O.U. convocou xa ao profesorado que coordina estes clubs de lectura á sesión formativa de carácter anual e amplía esta convocatoria a preto dun milleiro de lectores e lectoras procedentes dos diferentes clubs de lectura do ámbito educativo galego (en representación dos máis de 11.000 lectores e lectoras que se reúnen, periodicamente, para compartir experiencia lectora). Un programa ambicioso que pretende ofrecer aos participantes a oportunidade de compartir un tempo cos seus autores e autoras preferidos, ou de achegarse a diferentes territorios culturais relacionados coa palabra: o cómic, o teatro, o cine, a música, a cultura urbana e sempre, sempre, a literatura. No transcurso desta xornada darase entrega a MIGUELANXO PRADO do Premio dos Clubs de lectura 2017
Até o 2 de xuño
está aberto o período de inscrición para os lectores e lectoras, a través dun formulario web posto a disposición do profesorado coordinador, que será quen os acompañe nesta actividade.