Skip to Content

Outubro 22

RECEITA

Ando ás cegas entre acordos, marxes e fronteiras.

Sóbeme a temperatura,
dóeme a tripa,
danme ataques de ansiedade
ao contemplar os rostros da maldade.
Preciso dun xarope con urxencia
para convivir cos disfraces da traxedia,
para dixerir o veleno da existencia,
para coñecer os motivos de tanta desolación,
para procurar unha saída á depresión,
ao mal de ollo,
á barbarie da guerra,
á emigración forzosa,
á construción de muros,
á perda dos sorrisos,
á demencia colectiva que xustifica a bágoa,
sempre que sexa noutros ollos...
Doutor, necesito unha receita,
un medicamento eficaz contra as pandemias,
unha pílula de poesía,
e... non me diga que xa non se fabrican!


Ana María Fernandez Martínez (Palma de Mallorca, 1949), in Incesante vagalume, Galaxia, Vigo, 2021, páx.  68.



page | by Dr. Radut