Skip to Content

Novembro 22

Trece avisos. Contos para ler pola noite

de   Paula Carballeira

    Que é o medo? O medo é a reacción que se produce ante un perigo inminente, é unha emoción corrente que nos afecta a todos os seres humanos. Do medo sabe moito Paula Carballeira. Ela comezou a contar historias de medo para intentar explicar o que non coñecía xa que aí se agochaban os seus arrepíos infantís.
    A autora crea e recrea o medo a través de 13 avisos dos agochos do medo que ben poden estar en golpes na parede, en pasos no faiado, portas pechadas, bonecas, prantos de bebé, manciñas frías...
    Cada capítulo do libro divídese en tres partes: un microrrelato escrito por alumnado, un conto de Paula e a explicación ou "aviso" daquel elemento que se vai tratar.
    
    Vivo a poucos pasos de onde nace a néboa.
   Sobe desde o río, envolve a casa e tarda en esvaecerse. Debe ser esa a razón de que o medo ande sempre ao meu redor, tamén polo día. Vexo e non vexo os contornos das cousas, da xente que se cruza comigo polos camiños, e ben poderían ser pantasmas que desaparecen de súpeto, á volta dunha curva. De feito, gústame pensar que aínda existen misterios que non podemos explicar, só imaxinar.
    Cando era pequena, discutía coa miña nai porque eu nunca quería ir para a cama nin apagar a lámpada da mesa de noite. Ela non sabía que viñan visitarme monstros, vampiros, lobos, ánimas en pena na forma de espíritos choróns que se anunciaban cun aire xélido. Eu mantiña os ollos abertos e intentaba pensar noutra cousa, pero escoitaba pasos lixeiros que se achegaban, respiracións e ouveos apagados do outro lado da xanela. Coido que por iso comecei a ler contos de terror e a escribilos. Polo menos podía poñerlles nome a eses medos, pechalos nas palabras e descubrir ou inventar maneiras de desfacerme deles.
    Todas as persoas temos medo. Ás veces temos os mesmos medos e ás veces temos medos diferentes. Cando a luz fai recuar as sombras, parécenos que non hai nada que temer, ata que volve caer a noite. Na escuridade, asáltanos a sensación de que asexan criaturas terribles coa malévola intención de facernos dano. Un susto déixanos sen respiración durante uns intres, e sen mobilidade, e sen posiblilidade de reacción, coma bonecos ou boncecas nas mans do descoñecido. Sentímonos tan fráxiles, tan insignificantes. Queremos que veña alguén de confianza para dicirnos que non pasa nada, para abrazarnos se fai falta.
    Podes ler os contos que están neste libro un por un, ou podes ler varios, mesmo todos, pero despois vai ser difícil atopar o sono, ou iso espero. Os contos de medo intentan espertarnos, manternos alerta, chamar a nosa atención sobre o que aínda non coñecemos.
    Din que hai avisos que anuncian que algo extraordinario está a piques de acontecer. A miúdo non nos decatamos, agás por uns incómodos arrepíos que sentimos nas costas, unha molesta sensación de que alguén nos observa. 
(...)   

DENTES AFIADOS, OLLOS AMARELOS
Una rapaza volve soa á súa casa.
    Soa.
    Despois da medianoite.
   Foi cear coas súas amigas de instituto. Agora que está na universidade case non as ve.
    É a única que non vive nese barrio.
  Está nunha rúa que non coñece, unha rúa que desemboca nun aparcadoiro.
    Escoita uns pasos detrás dela.
    Moitos pasos.
    A rapaza ve reflectido nos vidros dun coche o grupo que a persegue.
    Mozos e mozas coma ela.
    Coma ela, non.
    Sorrín, e entre os seus labios asoman uns dentes afiados. Dentes de can. Dentes de lobo (...)



page | by Dr. Radut