Román Rodríguez recibe unha delegación do Goberno cántabro que visita Galicia para coñecer as claves da calidade e equidade do sistema educativo

Mar, 14/05/2024 - 21:15
c

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse no Centro de Innovación Educativa e Dixital cunha delegación da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades do Goberno de Cantabria que visita estes días Galicia para coñecer o noso sistema educativo, especialmente no que atinxe á calidade e á equidade educativa. Non en balde, visitaron varios centros rurais da provincia de Pontevedra e manterán reunións técnicas cos responsables da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

O titular do departamento educativo da Xunta deulles a benvida e puxo á súa disposición toda a información relativa á xestión de centros, con especial fincapé no ensino rural, no que Galicia é un referente e un distrito educativo único, pois o alumnado ten as mesmas oportunidades independentemente do tipo do centro no que estude e onde estea situado. Por parte da delegación cántabra visitan Galicia a directora xeral de Centros e Infraestruturas Educativas, Reyes Mantilla; o director xeral de Calidade e Equidade Educativa e Ordenación Académica, José Luis Blanco, así como Eduardo Obrado e Araceli  Ramirez, membros da Unidade Técnica de Calidade Educativa.