A Xunta reclama ao Ministerio o financiamento necesario para aplicar a nova normativa de FP, que esixe a contratación de máis profesorado

A demanda exposta polo director xeral de Centros da Consellería na reunión da Comisión de Persoal da Conferencia Sectorial de Educación foi secundada pola inmensa maioría das comunidades autónomas de distinto signo político

Xov, 16/05/2024 - 16:07
f

A Xunta de Galicia vén de reclamar ao Ministerio de Educación que achegue o financiamento necesario para o desenvolvemento da nova normativa en materia de Formación Profesional, xa que esixe da contratación de máis profesorado técnico a partir do vindeiro curso.

Así o expuxo esta mañá o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, na reunión da Comisión de Persoal da Conferencia Sectorial de Educación, unha demanda que foi secundada pola inmensa maioría das comunidades autónomas de distinto signo político.

O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reivindicou a necesidade de que o Estado habilite “canto antes” unha partida específica para dar cumprimento aos requirimentos da nova lei de FP como é o incremento do profesorado.

Outra das peticións elevadas polo Goberno galego foi o de que o Ministerio permita que o profesorado con nivel de inglés B2 ou superior poida impartir inglés técnico, un compromiso que mesmo manifestou no seu momento o departamento ministerial, pero que agora non figura nos borradores dos reais decretos.

Queixas polo retraso nos prazos

Así mesmo, Jesús Álvarez aproveitou a reunión para denunciar, de novo, o retraso do Ministerio na publicación da normativa de desenvolvemento da nova lei de FP, “cuns borradores de reais decretos que aínda non foron publicados e que seguen sen vir acompañados de memoria económica algunha”, así como a actitude “pouco dialogante” do Ministerio coas comunidades autónomas, que “nos vemos obrigadas a aplicar unha normativa imposta de xeito unilateral desde o Estado”.

Non obstante, e pese aos continuos retrasos, desde a Consellería de Educación estase traballando arreo na organización do vindeiro curso co obxectivo de blindar o modelo de calidade da FP galega e xerar certezas entre alumnos, docentes e centros.