Román Rodríguez aposta por impulsar a transferencia de coñecemento entre os centros de investigación e o tecido produtivo a través dun novo plan de I+D+i

O obxectivo é transferir todo o coñecemento derivado da ciencia a aplicacións prácticas e innovadoras nos diferentes sectores empresariais

“Queremos consolidar un ecosistema de I+D+i que repercuta do xeito máis directo posible na mellora integral de Galicia”, di o conselleiro

Xov, 16/05/2024 - 16:14
c

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o labor dos centros tecnolóxicos de Galicia como fundamental para mellorar a competitividade das empresas a través do desenvolvemento, a investigación e á innovación tecnolóxica nos diferentes sectores produtivos. Fíxoo nunha visita a dous deles, en concreto á Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) e ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), xunto á secretaria xeral de Innovación, Teresa Riego; a directora xeral da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e aos responsables de ambas entidades, Jesús Lago e Luís Moreno, respectivamente.

“Queremos dar a maior potencialidade ao traballo que desenvolven os nove centros tecnolóxicos de Galicia. Por iso, imos comezar a deseñar un novo Plan de I+D+i que reforce os vínculos entre os centros de investigación e o resto da sociedade para transferir todo o coñecemento derivado da ciencia a aplicacións prácticas e innovadoras nos sectores produtivos, a través da colaboración público-privada”, explicou o conselleiro.

Así mesmo, Román Rodríguez incidiu no primeiro encontro de “traballo que mantivemos cos responsables dos centros tecnolóxicos para sentar as bases dunha colaboración fluída, na que queremos aproveitar o magnífico labor feito en materia de investigación e innovación nos últimos anos e sumalo ao das universidades, consolidando un ecosistema de I+D+i que repercuta do xeito máis directo posible na mellora integral de Galicia”, incidiu Román Rodríguez.

Estas son as dúas primeiras da rolda de visitas que vai realizar a Consellería aos centros tecnolóxicos de Galicia para coñecer o seu labor e potencialidades, de cara a un maior aproveitamento das mesmas. Ademais de AIMEN e CTAG, forman parte desta rede a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, Pescados e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA), a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicación de Galicia (GRADIANT), a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), o Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (ENERGYLAB), o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), o Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA) e o Centro Galego de Investigacións da Auga (CETAQUA).